O presidente da Xunta participou na 44 edición da Feira Internacional do Turismo (Fitur)
Rueda erixe Galicia como destino turístico de calidade grazas á súa sustentabilidade e excelencia
Destaca que estes factores, xunto co traballo do sector, están detrás de que cada vez visite “máis xente” a Comunidade
Considera unha “magnífica noticia” e síntoma de que se están a facer “as cousas ben” os case sete millóns de visitantes chegados a Galicia, a falta de coñecer os datos referidos a establecementos extrahoteleiros de decembro de 2023
Salienta que a marca ‘Galicia calidade’ tamén se sustenta nos produtos marisqueiros e pesqueiros, cuxo consumo defendeu que “agora hai que apoiar máis ca nunca”
O Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, erixiu hoxe Galicia como destino turístico de calidade consolidado e atribuíno á sustentabilidade e excelencia que ofrece, á vez que a valores como a “autenticidade”, “identidade” e “confianza” que, ao seu entender, fan da Comunidade un “destino diferente” e acaban por provocar “que cada vez nos visite máis xente”.
Valores de Galicia calidade
Rueda salientou que a Comunidade ten alcanzado esta cifra de visitantes da man do sector “sen obsesionarnos e con sentidiño”, un número que considerou unha “magnífica noticia” e síntoma de que “entre todos estamos a facer as cousas ben” ao redor da consolidada marca “Galicia Calidade”.
“Somos riquiños, somos hospitalarios, temos unha magnífica cultura e temos produtos de excelente calidade que nos diferencian e que temos que seguir fundamentando con potencia e con futuro”, aseverou o presidente galego para concluír a súa intervención.