A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, formalizou hoxe co alcalde de Vilasantar, Fernando Pérez, o acto administrativo de rúbrica do acordo para acometer as melloras

A Xunta e o concello de Vilasantar selan a colaboración para calmar o tráfico e humanizar a travesía da AC-194 cun orzamento de preto de 169.000 euros

Reurbanizarase esta travesía urbana na contorna da Casa do Concello, no núcleo principal do municipio, nas Raposeiras, mellorando o estado do firme nese punto

Realizaranse actuacións previas de fresado e posterior pavimentación ao longo de 1,5 km, desde o cruce coa AC-840 ata a saída a esa mesma estrada

Construirase unha plataforma elevada e con distinto pavimento na contorna do Concello e da súa praza para acougar o tráfico e humanizar a zona, onde o peón gaña protagonismo

Disporanse, ademais, 3 novos pasos de peóns sobreelevados na travesía

Tal e como recolle o convenio, a Xunta financiará integramente as actuacións, mentres o Concello se compromete a redactar o proxecto e a licitar e executar as obras

Unha vez subscrito o acordo, seguirase cos trámites administrativos para licitar as obras de xeito inmediato co obxectivo de inicialas na primavera, cun prazo de 2 meses

Vilasantar (A Coruña), 24 de xaneiro de 2024

A Xunta e o Concello de Vilasantar selaron hoxe a colaboración para calmar o tráfico e humanizar a travesía da AC-194 cun orzamento de preto de 169.000 euros.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, formalizou hoxe co alcalde de Vilasantar, Fernando Pérez, o acto administrativo de rúbrica deste acordo na Casa do Concello.

Esta cooperación permitirá realizar as actuacións de reurbanización desta travesía urbana na contorna da Casa do Concello, no núcleo principal do municipio, nas Raposeiras, mellorando o estado do firme nese punto.

Tal e como se recolle no texto do convenio asinado hoxe por ambas as dúas administracións, estas actuacións contan cun orzamento de case 169.000 euros, financiado integramente pola Xunta, a través da Axencia Galega de Infraestruturas.

O Concello de Vilasantar, pola súa banda, asume o compromiso de levar a cabo as actuacións necesarias para a correcta execución dos traballos obxecto deste convenio, isto é: comprométese a redactar o proxecto e a licitar e executar as obras, ademais de asumir as obrigas económicas que excedan o importe consignado neste acordo. 

Tras o acto administrativo de hoxe, o Concello continuará cos trámites correspondentes de cara á licitación das obras, que prevé facer xa de xeito inmediato, co obxectivo de iniciar os traballos na primavera, cun prazo de execución de 2 meses.

O acordo selado hoxe senta as bases da colaboración técnica e económica entre as administracións, autonómica e local, para levar a cabo obras de pavimentación e humanización desta travesía da estrada AC-194.

Máis en detalle, o convenio recolle as actuacións previas de fresado e posterior pavimentación da travesía, desde o cruce coa estrada autonómica AC-840 ata a saída a esa mesma estrada, ao longo dunha lonxitude de arredor de 1,5 km.

Na contorna do Concello e da súa praza construirase unha plataforma elevada e con distinto pavimento co obxectivo de acougar o tráfico e humanizar a zona.

Así, ao longo de aproximadamente 70 metros a estrada elevarase 10 centímetros, á mesma cota que a praza do Concello, durante e despois da mesma. A plataforma sobreelevada realizarase en formigón desactivado combinado con laxas e lastras de granito, mantendo a continuidade de materiais existentes na praza do Concello.

A sobreelevación, o cambio de pavimentos e esa continuidade que se logrará coa praza actual permitirá que nese espazo o peón gañe protagonismo.

Para reforzar o calmado de tráfico en toda esta zona disporanse, ademais, 3 novos pasos de peóns sobreelevados ao longo do percorrido da travesía.

As actuacións recollidas neste convenio completaranse cos traballos de recrecido de pozos e sumidoiros e coa sinalización vertical e horizontal.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/01/2024