Rivo pon en valor as experiencias empresariais que xerminan nos Polos de emprendemento e que motivan e a desenvolver unha actividade en Galicia

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou nunha xornada sobre o potencial empresarial do Concello de Riós, organizada desde o Polo de emprendemento de Verín

Destacou o traballo que están a desenvolver os tres polos activos na provincia de Ourense que xa apoiaron 240 proxectos, 120 desde Verín
 

Riós (Ourense), 24 de xaneiro de 2024

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, clausurou hoxe a xornada O potencial empresarial en Riós. Compartindo experiencias emprendedoras organizada desde o Polo de emprendemento de Verín, para dar a coñecer experiencias empresariais que están a ter impacto nesta contorna e que, como indicou a representante autonómica, motivan a desenvolver unha actividade.

Rivo puxo en valor a oportunidade dos encontros que está a organizar a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego de Galicia -integrada na actualidade por 12 centros activos e outros tres planificados- para debullar os contextos empresariais dos territorios e contribuír a crear sinerxías entre o tecido empresarial, os emprendedores e a Administración.

A Xunta de Galicia está a aproveitar o potencial emprendedor da cidadanía como un dos principais activos para aproveitar as oportunidades que brinda o territorio e o talento do seu capital humano. Estase a acompañar a todas as persoas que desexen desenvolver unha idea de negocio, a través da formación apropiada e indo da man en todas as etapas do emprendemento, indicou Rivo.  

O polo de Verín foi o primeiro aberto na comunidade hai un ano e medio (xullo de 2022). Desde a súa posta en marcha atendeu 120 proxectos promovidos por 107 persoas, na maior parte mulleres (61%). Predominan as inciativas relacionadas co sector servizos, seguido da agricultura, gandería, silvicultura e pesca e a hostalaría.

Na provincia de Ourense, o Goberno galego ten en marcha tres polos: ao de Verín, súmanse O Barco de Valdeorras e O Carballiño, ao que se engadirá, como está planificado, un cuarto centro en Baños de Molgas.

Cos polos, a Xunta de Galicia está a apoiar o emprendemento rural, para convertelos en centros de dinamización dos territorios. En toda a provincia ourensana a Rede de polos participou en case 240 proxectos e asesorou 220 persoas.  

No acto de hoxe déronse a coñecer casos de éxito de emprendemento apoiados desde Verín como Pecado de Outono (obradoiro de castaña ecolóxica), Aroamel (produción de mel de alta montaña), Soutogal (poda profesional de castiñeiras) e O Picoto (actividade gandeira).

A representante autonómica remarcou a necesidade de contar co rural para que Galicia avance cara a unha nova economía baseada no coñecemento, na tecnoloxía e na innovación. Un proceso para o que, dixo, a comunidade debe contar coa base de emprendemento que agora xermina para non perder oportunidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/01/2024