A conselleira de Política Social e Xuventude visitou hoxe os dous centros deste tipo cos que conta Moraña

A Xunta aposta por garantir a conciliación nos concellos do rural a través das casas do maior

Fabiola García destaca que este tipo de recursos se adaptan á realidade territorial da comunidade e ofrecen atención diúrna 100% gratuíta a un máximo de cinco persoas maiores por centro

Moraña (Pontevedra), 24 de xaneiro de 2024

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada do alcalde da localidade pontevedresa, José Luis Gómez Fontenla, visitou esta mañá as dúas casas do maior que o Goberno galego puxo en marcha no concello de Moraña, unha das cales abriu as súas portas o pasado mes de decembro e aínda ten prazas a disposición da veciñanza. Fabiola García destacou que estes dous centros xa son auténticos dinamizadores da vida do municipio e que, ademais, permitiron crear emprego a dúas mulleres.

A conselleira sinalou a importancia deste tipo de recursos para garantir atención e coidados por todos os recunchos de Galicia. Ao respecto, destacou que as casas do maior son unha medida innovadora que se adaptan á realidade territorial da nosa comunidade e que o Executivo autonómico impulsou no ano 2018 para ofrecer atención diúrna 100% gratuíta a un máximo de cinco persoas maiores por centro.

Fabiola García asegurou que con este tipo de recursos ofrécese atención aos maiores ao tempo que se mellora a vida de pequenos concellos e aldeas do rural. Deste xeito, garántese que os galegos que así o desexen poidan seguir vivindo nas súas casas e nos seus lugares de sempre ao tempo que están ben atendidos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/01/2024