A Xunta organiza un webinario para informar da convocatoria destinada a proxectos de gases renovables

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participará neste encontro informativo que se celebra mañá

As axudas, de concorrencia competitiva, poden solicitarse por empresas e autónomos ata o 21 de febreiro e acadarán os 2,5 M€ como máximo, no caso do hidróxeno verde, e 2 M€ os de biogás e biometano

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2024

A Xunta de Galicia, a través do Inega, organiza mañá un webinario para informar da convocatoria destinada a proxectos de gases renovables, uns apoios que se activan por primeira vez para impulsar a implantación de tecnoloxías cun gran potencial e un importante carácter innovador.

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participará neste encontro informativo que se celebrará a partir das 11,00 horas e no que os interesados se poden inscribir a través deste formulario.

A convocatoria, de concorrencia competitiva, terá aberto o prazo de solicitudes ata o 21 de febreiro e conta cun orzamento de 7,5 M€. As axudas están dirixidas a empresas e autónomos que queiran realizar proxectos relacionados co hidróxeno de orixe renovable ou de biogás e biometano para o seu aproveitamento en centros de demanda situados en Galicia.

En concreto apoiaranse, no eido do hidróxeno renovable, todo o relacionado co electrolizador, o compresor, sistemas de almacenamento, conducións, depósitos, sistemas auxiliares e de control, adecuación ou compra de equipos consumidores a hidróxeno, pilas de combustible -sempre que a electricidade xerada se destine a autoconsumo-, sistemas de inxección do hidróxeno renovable á rede de gas -se existe un contrato de venda a un consumidor localizado en Galicia-, montaxe e posta en marcha dos sistemas, obra civil asociada, proxectos técnicos e legalización.

En canto ao biogás e biometano, as axudas inclúen sistemas para a obtención de biogás mediante dixestión anaerobia; sistemas de almacenamento e tratamento do biogás para a obtención de biometano; sistemas de pretratamento dos residuos; sistemas de compresión para o seu transporte e almacenamento; sistemas de abastecemento; instalacións de valorización para a produción eléctrica ou térmica; sistemas de inxección á rede de gas -se existe contrato de venda cun consumidor localizado en Galicia-; equipos que empreguen biogás e biometano como combustible; sistemas auxiliares e de control; obra civil asociada; instalación e posta en marcha; proxecto técnico e de legalización.

A axuda máxima por proxecto será de 2,5 M€, no caso de proxectos de hidróxeno renovable e de 2 M€ para os de biogás e biometano con intensidades de axudas entre o 30 e o 65 %, dependendo do tamaño da empresa e da tipoloxía do proxecto. As iniciativas deberán destinar unha parte do gas renovable ao autoconsumo enerxético.

Estas axudas enmárcanse na Axenda Enerxética de Galicia, que contempla o desenvolvemento de proxectos de gases de orixe renovable e permitirá complementar as axudas que existen a nivel estatal -que se dirixen a proxectos de maior tamaño-.

Data de actualización: 24/01/2024