A Xunta abre mañá o prazo para solicitar as axudas aos concellos do fondo de compensación ambiental

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde, dotada con máis de 11 millóns de euros para apoiar accións a prol da biodiversidade, do coñecemento dos recursos naturais, da recuperación da contorna e da eficiencia enerxética

Distingue dúas liñas, unha dirixida a concellos nos que haxa parques eólicos e outra a todos os concellos e a mancomunidades ou consorcios locais de Galicia

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se convocan as axudas do Fondo de Compensación Ambiental (FCA), destinado a apoiar os concellos na mellora do medio natural. A Xunta destina máis de 11 millóns de euros a esta iniciativa, creado para distribuír o canon eólico en beneficio da conservación e restauración da contorna, así como do reequilibrio territorial.

A convocatoria distingue dúas liñas de axudas, unha en concorrencia non competitiva, dotada con 6 millóns de euros, e outra en concorrencia competitiva, á que se asignan 1,7 millóns de euros. A estas contías súmanse 3,5 millóns de euros destinados a actuacións específicas de protección do medio, entre as que figuran a prevención, extinción e xestión de situacións de sinistro ou de risco.

A primeira das liñas vai dirixida aos concellos nos que haxa parques eólicos e a segunda, a todos os concellos, mancomunidades ou consorcios locais de Galicia, sempre que estean participados por un ou varios concellos. Cada municipio pode presentar ata dúas solicitudes, sempre que unha sexa individual e outra conxunta. Cada unha delas debe corresponderse cun único proxecto, que, no caso das solicitudes individuais de concellos, pode abranguer varias accións.

Accións subvencionables

As accións subvencionables inclúen os investimentos e custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do medio. Entre os obxectivos que deben perseguir figuran a conservación da biodiversidade, o fomento do coñecemento e da utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, e a recuperación do medio natural degradado ou contaminado. Tamén deben impulsar a eficiencia e o uso sustentable das enerxías renovables, e, en xeral a protección do medio natural.

Neste marco, poden acollerse ás axudas as campañas divulgativas, plans e proxectos ambientais, as accións de eficiencia enerxética e de redución da contaminación lumínica, as melloras enerxéticas nas instalacións municipais, e a adquisición de vehículos con distintivo ambiental ou destinados a actuacións a prol da contorna natural. As infraestruturas destinadas á utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, as actuacións a prol da integración paisaxística nos núcleos rurais e os proxectos para evitar a degradación e facilitar o control ambiental no ámbito municipal son outras das iniciativas subvencionables ao abeiro desta convocatoria.

A maiores, as axudas cobren tamén os gastos do persoal vinculado á execución das accións subvencionables.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal no prazo dun mes desde mañá.

Data de actualización: 24/01/2024