O DOG convoca axudas por 2,7 M€ para impulsar a transformación verde e dixital na economía social

A Xunta de Galicia publicita unha nova convocatoria do denominado Bono Consolida co que quere contribuír ao impulso da actividade de cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego

Actívanse tamén os apoios autonómicos (690.000 euros) para actividades de divulgación e formación que desenvolvan as 98 entidades da Rede Eusumo e os específicos (330.000 euros) para cubrir gastos de asociacións da economía social
 

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe axudas por 2,7 millóns de euros para que entidades de economía social -sociedades cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego- poidan avanzar na súa transformación dixital e ecolóxica.

Con estes apoios, a Administración autonómica quere contribuír ao impulso da actividade económica destas fórmulas de negocio, incrementando a súa competitividade e mantendo empregos de calidade.

Estímase que se poidan beneficiar destas axudas preto de 200 entidades que, para accederen a estes apoios, deberán estar inscritas nos rexistros administrativos da comunidade e contar cunha antigüidade mínima de 42 meses.

A orde presta atención especial á transformación dixital e á sustentabilidade, con achegas máximas por entidade que poden acadar os 30.000 euros para, entre outras actuacións, financiar  o 90% dos investimentos -realizados entre o 1 de novembro de 2023 e o 31 de outubro de 2024- en equipamento informático, desenvolvemento de software, plans de protección de datos, eficiencia enerxética ou de marketing ou imaxe corporativa.

A Administración autonómica concederá ata 600 euros as actividades formativas dirixidas aos socios das entidades afiliados ao réxime de traballo autónomo.

O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o próximo 25 de marzo.

Accións de difusión

Doutra banda, a Administración autonómica convoca un ano máis as axudas dirixidas a que as 98 entidades da economía social que conforman a Rede Eusumo desenvolvan en 2024 e 2025 accións de divulgación, formación e asesoramento a persoas que estean a promover a súa actividade a través desta fórmula.

A previsión é que se poidan beneficiar das achegas unhas 40 entidades, que poderán realizar accións para unhas 4.000 persoas. A Rede Eusumo conta na actualidade con 98 entidades adheridas.

Esta liña, que terá o prazo de solicitude aberto ata o próximo 26 de febreiro, destina un orzamento de 690.000 euros para apoiar os colectivos que colaboran coa Rede Eusumo. As achegas beneficiarán, así, a asociacións, concellos ou agrupación deles, cámaras de comercio, universidades e/ou fundacións e asociacións profesionais, empresariais ou sindicais inseridas na Rede. 

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade reservará 390.000 euros do orzamento global para apoiar actividades de sectores específicos como o dos coidados, o agroalimentario, a economía circular, as enerxías renovables, as novas tecnoloxías, ou do sector industrial e das industrias culturais.

Apoio ao asociacionismo

Tamén hoxe o Diario Oficial de Galicia activa os apoios por valor de 330.000 euros para axudar cos gastos de funcionamento das entidades asociativas que representan esta fórmula. O reto desta iniciativa é facer efectiva a promoción das organizacións representativas das entidades que forman parte da economía social. 

O programa conta con dúas liñas de financiamento. A primeira con 230.000 euros vai dirixida ao fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais. A segunda, con 100.00 euros, está destinada ás asociacións de centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral. En ambos os dous casos apóianse parcialmente (ata o 90%) os seus gastos de funcionamento.  

As entidades interesadas poden cursar as súas peticións desde mañá e ata o próximo 26 de febreiro, data na que remata o prazo.

Con todas estas medidas o Goberno autonómico quere contribuír a consolidar e reforzar a economía social como motor de crecemento económico sustentable, que crea emprego de calidade, integrador e asentado no territorio.

Data de actualización: 24/01/2024