O titular da Xunta asiste á entrega a Aida Pena do Premio Diego Bernal que outorga a Asociación de Periodistas de Galicia

Rueda salienta a importancia dunha prensa libre como garantía da verdade e o sistema democrático

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou como fundamental contar cunha prensa libre para garantir a verdade no sistema democrático. Así o afirmou durante a entrega a Aida Pena do Premio Diego Bernal que outorga a Asociación de Periodistas de Galicia.

O titular do Goberno galego resaltou a figura da homenaxeada, unha xornalista que durante os 40 anos que exerceu a profesión, a maioría deles na radio, practicou “a honestidade e deixou escola”. Así mesmo, manifestou que os seus informativos e crónicas forman parte da historia recente de Galicia, unha comunidade que “ten moito que contar”.

Neste sentido, salientou os grandes retos e ameazas que afronta a profesión desde hai anos, ao mesmo tempo que asegurou que o xornalismo “é unha profesión moi noble”, polo que avogou por seguir contando cos medios de comunicación como puntos de encontro a través dos cales ofrecer unha boa información. Para iso, tal e como asegurou Rueda, “fan falta grandes profesionais para contar os feitos con credibilidade”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/01/2024