A Xunta pide claridade á Alcoa sobre os seus plans e demanda unidade de administracións e traballadores para reclamarlle que cumpra cos seus compromisos

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, reunirase mañá co comité de empresa para coñecer de primeira man os detalles do encontro previo coa compañía

Advirte de que a empresa ten que cumprir e que a Xunta estará vixiante e apoiará todo o proceso para garantir os compromisos adquiridos
 

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2024

A Xunta de Galicia pide a Alcoa claridade sobre as súas previsións con respecto á planta da Mariña e demanda unidade e coordinación por parte das administracións e traballadores fronte á empresa para reclamarlle que cumpra cos compromisos adquiridos.

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, exixiu á empresa que clarifique “o seu plan de actuación, que concrete o plan de negocio para a factoría e que traslade ao Goberno central e á Xunta cales son as súas solicitudes e os apoios que precisa para reactivar e dar continuidade á actividade e á planificación acordadas cos traballadores”. Lorenzana advertiu de que a empresa ten que cumprir o acordo pois “na Xunta imos estar vixiantes e apoiar todo o proceso para garantir que os compromisos se cumpran”.

Tal e como explicou, reunirase mañá co comité de empresa para coñecer de primeira man os detalles do encontro que previamente manterán coa empresa. Neste sentido, insistiu na importancia da convocatoria da mesa de seguimento de Alcoa onde están presentes todos os axentes implicados. “Non é unha situación leal coas administracións nin cos traballadores que non saibamos cales son as medidas que Alcoa vai adoptar nin o seu plan de negocio para o presente ano”, subliñou.

Lorenzana considera prioritario que nestes momentos se manteña unha postura de unidade e coordinación fronte á empresa e que cada parte cumpra cos seus compromisos. Neste sentido, lembrou a importancia de que se aproben, dentro do estatuto electrointensivo, medidas que permitan ás empresas acceder a prezos enerxéticos competitivos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/01/2024