A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou esta mañá as instalacións de Down Ourense

A Xunta apoia ás persoas con discapacidade da provincia de Ourense mediante a colaboración coas entidades sociais

Máis de 90 persoas de todas as idades acoden diariamente a este centro para recibir apoio educativo, de transición ao emprego ou de orientación familiar

Ourense, 23 de xaneiro de 2024

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou esta mañá as instalacións de Down Ourense, onde destacou o apoio do Goberno galego a todas as persoas con discapacidade desta cidade e de toda a provincia. Durante o encontro lembrou que a Xunta está a colaborar con esta entidade para achegar apoio e atención a todas as persoas desde o berce e ata o bastón.

Máis de 90 persoas de todas as idades acoden diariamente a este centro para realizar actividades de apoio educativo, de transición ao emprego ou de orientación familiar. Fabiola García puxo en valor a experiencia de todas as entidades sociais na atención á discapacidade por contar co coñecemento especializado que se necesita á hora de prestar unha atención da máis alta calidade.

Neste sentido, felicitou a Down Ourense por consolidarse como unha entidade de referencia nesta provincia para atención ás persoas con discapacidade ao longo dos últimos vinte anos. Así mesmo, apuntou que a Xunta seguirá colaborando con eles e con todo o tecido asociativo para garantir que esta atención chegue cada día a máis persoas e cumpra cos estándares de calidade.   

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/01/2024