O Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude acollerá o vindeiro día 2 de febreiro o IV Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario

No evento, organizado pola Xunta a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, presentaranse o proxecto europeo AgrifoodTEF, no que participa o Goberno galego e que busca incorporar intelixencia artificial e tecnoloxía robótica ao sector agroalimentario

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2024

O Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Sergude, situado no concello coruñés de Boqueixón, acollerá o vindeiro día 2 de febreiro o IV Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario, que organiza a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, adscrita á Consellería do Medio Rural.

Neste evento presentaranse os principais resultados dos proxectos financiados ao abeiro da orde de axudas para o apoio a proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías da convocatoria 2021 e finalizados na anualidade 2023. Tamén haberá un avance da vindeira convocatoria para 2024 da orde de axudas para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea para a Innovación (AEI).

Ao longo da xornada, que dará comezo ás 09,30 horas, tamén será presentado o proxecto europeo AgriFoodTEF por parte do consorcio galego liderado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria e Gradiant, e que busca incorporar intelixencia artificial e tecnoloxía robótica ao sector agroalimentario, poñendo o foco no caso galego na produción láctea. Esta iniciativa comezou en 2023, logo de que a Comisión Europea fixera unha convocatoria para apoiar unha única rede paneuropea de espazos controlados de probas de intelixencia artificial para o sector agroalimentario e dende este ano conta coa participación galega a través do nodo español. Cabe sinalar que os proxectos tipo TEF están enmarcados no Programa de Traballo 2021-2022 do Programa Europa Dixital (DEP). En España -a parte de Galicia-, tamén participan as comunidades autónomas de Andalucía e Cataluña.

Os interesados en asistir a este foro de innovación poderán inscribirse no seguinte enlace: https://forms.gle/ymBaRtuuGiqd8jGV8. Para máis información, pode consultarse a web da Axencia, na seguinte ligazón: https://agacal.xunta.gal/gl ou solicitala a través do correo electrónico forodeinnovacionagraria.agacal@xunta.gal.

Data de actualización: 23/01/2024