A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo hoxe un encontro de traballo cos representantes dos usuarios do ferrocarril, a petición deste colectivo

A Xunta reúnese coas plataformas de persoas usuarias do tren en Galicia, que demandan solucións aos problemas de funcionamento dos servizos

Os viaxeiros frecuentes demandan a racionalización dos horarios para que se adapten ás necesidades dos viaxeiros frecuentes, así como o incremento das prazas necesarias

Abordan os problemas causados polas continuas avarías e incidencias e reclaman a posta en marcha do plan de puntualidade anunciado por Renfe hai case un ano

Ethel Vázquez lembrou as solicitudes reiteradas da Xunta ao Ministerio de Transportes, a Adif e a Renfe para demandar solucións aos continuos problemas nos servizos de tren

A Xunta e as plataformas de usuarios apostan por mellorar a coordinación entre os horarios dos autobuses interurbanos, o transporte urbano e o ferrocarril para reducir o uso do vehículo particular

Vigo, 23 de xaneiro de 2024

A Xunta reuniuse esta mañá coas plataformas de persoas usuarias do tren en Galicia, que demandan solucións aos problemas de funcionamento dos servizos.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo este encontro de traballo, a petición das citadas plataformas que están a reunirse coas diferentes administracións e partidos políticos en Galicia.

Na xuntanza, os representantes autonómicos escoitaron de primeira man as demandas destes colectivos. En Galicia hai 80.000 usuarios recorrentes do ferrocarril, sendo a 4ª comunidade con máis solicitudes de abonos e sendo o Eixe Atlántico a 2ª liña de media distancia con maior ocupación de España.

Segundo trasladaron os usuarios, as deficiencias no mantemento das infraestruturas e os problemas de xestión dos servizos están a impedir que o ferrocarril sexa un medio eficaz para os desprazamentos cotiáns dos estudantes e dos traballadores en Galicia.

Os representantes dos usuarios demandan a racionalización dos horarios para que se adapten ás necesidades reais dos viaxeiros frecuentes, así como o incremento das prazas necesarias.

Tamén se puxo enriba da mesa a necesidade de paliar os retrasos, as avarías e incidencias que merman a calidade do servizo. A ese respecto, reclamaron o plan de puntualidade anunciado por Renfe en febreiro de 2023 e que continúa sen desenvolverse.

Ademais, defendeuse de novo a recuperación do 100% dos servizos e frecuencias que existían antes da pandemia e que están recollidos no actual contrato de Obrigas de Servizo Público e que, polo tanto, deben realizarse.

Os usuarios e o Goberno galego apostaron por procurar a mellor coordinación entre servizos de autobús urbano e interurbano e os de ferrocarril, co fin de reducir o uso do vehículo particular.

As plataformas pediron que o Executivo autonómico continúe exercendo unha mediación activa, trasladando, desde o diálogo entre administracións, a necesidade de introducir melloras urxentes no funcionamento dos servizos ferroviarios en Galicia.

Nese sentido, a Xunta lembrou as solicitudes reiteradas da Xunta ao Ministerio de Transportes, a Adif e a Renfe para demandar actuacións que poñan fin aos continuos problemas.

Os participantes na reunión concordaron en que, mentres continúen pendentes importantes actuacións na rede ferroviaria da comunidade, non se está a obter todo o rendemento social esperado dos investimentos xa realizados no Eixe Atlántico ou entre Santiago e Ourense.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/01/2024