A Xunta publica no DOG a concesión de 253 axudas para a modernización e dixitalización das frotas de transporte de viaxeiros e de mercadorías

Correspóndese coa resolución das subvencións outorgadas entre o 1 de outubro e o 31 de decembro, no marco dos incentivos dirixidos a autónomos e a pemes do sector


O DOG recolle a resolución coa listaxe destes incentivos, que acadan un orzamento de preto de 1,4 M€

Concedéronse 249 axudas á implantación de sistema de tacógrafo intelixente

Tamén se inclúen 2 axudas á mellora de sistemas de ticketing e outras 2, unha por categoría, á integración de documentos de control electrónicos nos sistemas de xestión e aos servizos de transporte de viaxeiros

O obxectivo é incrementar a eficiencia destas empresas e do sistema de transporte por estrada, mediante a dixitalización, a sustentabilidade, a conectividade, a renovación dos sistemas e a introdución de novas tecnoloxías no sector

Esta convocatoria de axudas está dotada cun orzamento total de máis de 6,2 M€ e o prazo para a presentación de solicitudes estará vixente ata o 30 de xuño de 2024
 

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2024

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a concesión de 253 axudas para a modernización e dixitalización das frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas de servizos de transporte por estrada.

No seguinte enlace ao DOG recóllese a resolución coa listaxe destas subvencións, que acadan un orzamento de preto de 1,4 M€ de euros: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240123/AnuncioG0533-150124-0001_gl.html

O DOGrecolle así a listaxe da segunda quenda destas subvencións concedidas do 1 de outubro ao 31 de decembro, no marco da convocatoria lanzada o pasado mes de abril pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, dirixida a autónomos e pemes do sector.

O obxectivo desta convocatoria é incrementar a eficiencia destas empresas e do sistema de transporte por estrada, mediante a dixitalización, a sustentabilidade, a conectividade, a renovación dos sistemas e a introdución de novas tecnoloxías no sector.

En concreto, dentro das distintas categorías de solucións de modernización das empresas do sector, outorgáronse nesta segunda quenda un total de 249 axudas dirixidas á implantación de sistema de tacógrafo intelixente de segunda xeración.

Ademais concedéronse 2 axudas á mellora de sistemas de ticketing, e outorgáronse outras 2 axudas, unha por categoría, á integración de documentos de control electrónicos nos sistemas de xestión e aos servizos de transporte de viaxeiros.

Convocatoria aberta

Esta iniciativa foi lanzada en abril do 2023, momento no que se abriu a convocatoria para o pasado ano e este 2024, e está dotada cun orzamento total de 6.257,628 euros. Estas medidas enmárcanse no Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-Next Generation EU, xestionado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

O procedemento de concesión das axudas é directo e as solicitudes son atendidas por rigorosa orde de entrada ata o esgotamento dos fondos.

Nas bases da convocatoria recóllese que os destinatarios últimos desta axudas deberán formalizar un contrato previo e un acordo de prestación de solucións de modernización coas empresas provedoras de solucións de modernización adheridas ao programa de axudas, que publicarán a súa oferta de servizos no rexistro que a tal efecto creou o Ministerio de Transportes.

Dado o carácter incentivador das axudas, só se admitirán actuacións iniciadas con posterioridade á data de rexistro da solicitude. Entenderase como data de inicio das actuacións a data da sinatura do contrato entre o destinatario último e o provedor de solucións de modernización.

Os destinatarios poderán elixir ata un máximo de 2 solucións de modernización de entre as establecidas como elixibles para o seu tamaño e tipo de actividade. Deberán, en todo caso, presentar unha solicitude independente para cada unha das solucións de modernización.

Estas axudas son incompatibles con outras subvencións que puidesen concederse para os mesmos custos subvencionables, procedentes de calquera administración, entes públicos, privados, nacionais, internacionais ou da Unión Europea.

Data de actualización: 23/01/2024