A Xunta apoia a conversión da asociación A Croa de Camariñas nunha agrupación forestal de xestión conxunta

Neste sentido, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, puxo en valor as axudas da Consellería do Medio Rural para fomentar este tipo de iniciativas, creadas ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia

O director xeral reuniuse con integrantes desta entidade e coñeceu os seus terreos forestais, para avaliar o estado da rede de faixas de xestión da biomasa existentes e abordar tamén a posibilidade de establecer liñas de colaboración con esta agrupación

Camariñas (A Coruña), 23 de xaneiro de 2024

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, reuniuse con integrantes da Asociación de Propietarios Forestais (APF) A Croa de Camariñas, acompañado pola alcaldesa da localidade, Sandra Ínsua. Na xuntanza, que tivo lugar na sede do Concello desta localidade, o director xeral puido coñecer as liñas de traballo desta agrupación. Trátase dun colectivo veciñal que ten como obxectivo poñer en valor os montes da zona, incidindo especialmente en aproveitamentos como a resina ou os cogomelos, e darlle visibilidade ás necesidades dos enclaves naturais da contorna de Camariñas.

A intención dos membros da Croa é converter a asociación nunha agrupación forestal de xestión conxunta, unha figura creada ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e que busca optimizar a xestión deste tipo de entidades. Precisamente por iso, nesta visita o director xeral puxo en valor as axudas da Xunta -publicadas recentemente no Diario Oficial de Galicia- para accións de fomento e apoio ás agrupacións forestais de xestión conxunta e o asociacionismo forestal en réxime de concorrencia competitiva, que están dotadas cun orzamento de preto de 2,4 millóns de euros.

Tres liñas de actuación

Segundo explicou José Luis Chan, estas achegas contan con tres liñas de actuación. A primeira delas céntrase na organización de accións de divulgación que impulsen o coñecemento e poñan en valor a importancia estratéxica das agrupacións forestais de xestión conxunta. A segunda liña de achegas buscará dar apoio ás asociacións sen ánimo de lucro que teñan como obxecto a comercialización conxunta de produtos forestais.

A terceira das liñas de axudas destínase concretamente á creación e apoio das agrupacións forestais de xestión conxunta mediante calquera figura xurídica de natureza civil ou mercantil que promova, impulse e poña en marcha iniciativas de xestión conxunta sustentable e diversificada de terreos dedicados á actividade forestal.

As actuacións subvencionables serán aquelas que se precisan para a constitución, ampliación e xestión dunha agrupación forestal de xestión conxunta, como son os gastos de tramitación e inscrición da entidade solicitante, revisión do parcelario e estado das parcelas, investigación da titularidade, adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos, inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, implantación dos sistemas de certificación internacionalmente recoñecidos e incorporación de servizos ecosistémicos e boa gobernanza das sociedades de fomento forestal (Sofor).

Nesta xornada, José Luis Chan realizou ademais unha visita técnica a terreos da comunidade, para coñecer, entre outras cousas, o estado da rede de faixas de xestión da biomasa existentes e abordar, por parte da Consellería do Medio Rural, a posibilidade de establecer liñas de colaboración con esta agrupación, co fin de deseñar unha rede de infraestruturas preventivas e xestionar a biomasa forestal en zonas estratéxicas mediante técnicas silvícolas axeitadas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/01/2024