Madrid acolle desde mañá as novidades para 2024 da oferta turística galega na feira internacional Fitur

O expositor institucional da Xunta alberga preto de medio cento de presentacións

A calidade do destino galego, a súa oferta diferenciada e as propostas que se están deseñando ao redor da sostibilidade centrarán parte das propostas

Apostarase pola accesibilidade coa presenza de intérpretes en linguaxe de signos e realizaranse degustacións gastronómicas e obradoiros de artesanía en vivo

Ata o venres serán as xornadas profesionais e durante a fin de semana haberá actividades para o público xeral con música en directo e mostras da cultura galega

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2024

A Feira Internacional de Turismo, Fitur, arranca mañá mércores 24 de xaneiro en Madrid onde o expositor institucional da Xunta de Galicia acollerá preto de medio cento de presentacións que afondarán na calidade e diferenciación do destino galego, así como na súa capacidade para ofrecer propostas que axuden a diversificar a oferta.

Durante as xornadas profesionais -desde mañá ata o venres-, tanto o Goberno autonómico como distintos concellos e entidades presentarán as súas novidades para 2024. Entre outras, incluiranse algunhas da man da Xunta de Galicia para diversificar a peregrinación nos distintos itinerarios do Camiño de Santiago, presentaranse os xeoparques recoñecidos pola Unesco así como algúns recursos de recente incorporación para a súa visita como a Illa de Tambo.

O expositor de Galicia acollerá tamén as presentación que realizarán diferentes concellos e xeodestinos con algúns dos productos e iniciativas xurdidos ao redor dos seus Plans de Sostibilidade Turística, entre outras moitas propostas.

Tamén haberá espazo de traballo habilitado para reunións de negocios, representada polo Clúster Turismo de Galicia, co obxecto de favorecer a súa dinamización e os seus contactos comerciais directos. Galicia ofrecerá tamén distintas demostracións culinarias comentadas por profesionais da cocina galega e degustacións, previa reserva, entre outros, de productos pertencentes a Galicia Calidade, Agacal ou Galicia sabe Amar.

Contarase coa participación de alumnos e profesores do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) e habilitarase un espazo para amosar o labor das redeiras e artesaría coa Asociación de Redeiras Illa da Estrela de Corme.

Demostracións culinarias

Ademais, a Xunta volverá facer unha clara aposta pola accesibilidade, coa presenza de intérpretes en linguaxe de signos e durante a feira tamén está previsto que Galicia recolla o relevo do País Vasco para asumir a coordinación da marca turística do norte peninsular, a España Verde, nun acto que se celebrará o xoves.

Durante a fin de semana, a actividade da feira abrirase ao público. O expositor de Galicia seguirá coas demostracións culinarias comentadas, catas e degustacións, e incluirase a animación a cargo de persoeiros representativos dos Entroidos e as actuacións musicais de Mondra, o grupo Ailá e Lil Kids, a agrupación de danza urbana gañadora da novena e última edición de Got Talent España cunha actuación dedicada ás Meigas.

Novo expositor

Nesta edición 2024, Galicia reivindicarase como un destino de calidade, sustentable, diferenciado e respectuoso e todas estas actividades levaranse a cabo no renovado expositor temático deseñado cun alto grao de orixinalidade ao redor dos recursos ligados á auga en todas as súas vertentes.

A programación completa da actividade profesional no expositor da Xunta de Galicia está dispoñible na páxina de Turismo de Galicia, desde onde tamén se poderán seguir en directo en streaming algunhas das actividades programadas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/01/2024