O conselleiro do Medio Rural, acompañado polo director xeral de Defensa do Monte e o director da Axencia Galega da Industria Forestal, realizou unha visita técnica ás futuras instalacións

A nova base de Unidade Operativa de Rianxo contará con madeira galega na súa estrutura

As instalacións abranguen unha superficie de máis de 2.000 metros cadrados, na que se situará unha edificación de planta baixa de 223,65 para que o persoal de prevención e extinción de incendios poida conciliar traballo e descanso

Para a súa construción, estanse a empregar materiais ecolóxicos e reciclables, cunha clara aposta pola madeira na súa estrutura
 

Rianxo (A Coruña), 22 de xaneiro de 2024

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, e o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, realizou hoxe unha visita técnica á futura Base de Unidade Operativa (BUO) da localidade coruñesa.

Esta nova construción, que abrangue unha superficie de máis de 2.000 metros cadrados, contará cunha edificación de 263,65 metros cadrados e de planta baixa, para que o persoal do servizo de prevención e extinción de incendios poida conciliar traballo e descanso.

A edificación de Rianxo estará fragmentada en tres ás en forma de estrela, cunha aberta e as outras dúas consistentes nuns volumes pechados. Isto minimizará a dureza da edificación, desenvolvendo unha forma orgánica máis vencellada co lugar.

Nesta obra estanse a empregar materiais ecolóxicos e reciclables, como son a madeira con selos FSC/PEFC -especialmente castiñeiro galego para a estrutura principal-, cortiza, vidro e aceiro, facendo destas instalacións edificacións bioclimáticas e coa máxima certificación enerxética. O uso da madeira na súa estrutura cobra especial importancia e ademais dos mencionados selos, tamén se empregará “Piñeiro de Galicia”.

A base disporá dunha área exterior cuberta de aparcadoiro para os vehículos do dispositivo. Así mesmo, no interior contan con circuítos de traballo, con vestiarios e duchas e, de xeito independente, zona de aseos. Na zona de estancia e descanso cóntase con dúas zonas de cociña, comedor e elementos de descanso, ademais dunha pequena área de despacho para a xestión da base.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/01/2024