A Axencia Tributaria de Galicia ofrecerá charlas formativas de educación cívico-tributaria ao alumnado de primaria

O obxectivo é transmitir valores e actitudes favorables á responsabilidade fiscal desde idades temperás

A medida inclúese no Plan de Control Tributario e implementarase xa neste curso 2023/2024

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2024

A Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) vai ofrecer charlas formativas de educación cívico-tributaria ao alumnado de quinto e sexto de educación primaria dos centros educativos de titularidade pública da Comunidade galega.

O obxectivo desta acción formativa é transmitir valores e actitudes favorables á responsabilidade fiscal e fomentar a conciencia fiscal colectiva da cidadanía desde idades temperás: explicándolles para que serven os impostos, que é a fraude fiscal e as súas consecuencias, e a importancia de evitalo. A medida inclúese no Plan de Control Tributario do ano 2023 e impartiranse xa no vixente curso 2023/2024. 

Vídeo

Na páxina web da Atriga (https://www.atriga.gal/) hai un espazo dedicado a pedagoxía tributaria no que se indica o enderezo electrónico a través do que os colexios poderán solicitar a súa participación no programa. A Consellería de Educación Formación Profesional e Universidades daralle publicidade nos boletíns mensuais que se envían aos colexios.

Durante as charlas proxectarase un vídeo para explicar que son e para que serven os impostos, os distintos tipos, que é a fraude fiscal e a importancia de evitalo para poder contar con todos os servizos públicos que a sociedade precisa para o seu bo funcionamento. Ao remate do mesmo, faranse unha serie de preguntas con distintas opcións para valorar a aprendizaxe na sesión.

Data de actualización: 22/01/2024