A Xunta e a Federación de asociacións de persoas xordas de Galicia colaborarán para mellorar a accesibilidade aos espazos naturais da comunidade

Ángeles Vázquez subliña que o obxectivo é facilitar o coñecemento e o acceso das persoas xordas e xordo-cegas aos principais espazos protexidos galegos, así como a instalacións públicas como os centros de interpretación e as aulas da natureza

A FAPXG ofrecerá un servizo de intérpretes de lingua de signos e de guías-intérpretes en eventos, actos e percorridos para dar a coñecer estas zonas
 

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2024

A Xunta e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAPXG) volverán colaborar este ano co obxectivo de mellorar a accesibilidade aos espazos naturais da Comunidade poñendo á disposición do colectivo intérpretes de lingua de signos, entre outras accións.

Nesa liña, a vicepresidenta segunda e conselleira Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o presidente da FAXPG, Íker Sertucha, renovaron esta mañá o convenio que desde hai varios anos manteñen ambos organismos co fin de avanzar na eliminación das barreiras comunicativas e contribuír a favorecer a integración social das persoas xordas.
 
Segundo subliñou a vicepresidenta segunda, o obxectivo do Goberno galego con este convenio —para o que achegará un financiamento de 10.000 euros— é facilitar o coñecemento e o acceso das persoas xordas e xordo-cegas aos principais espazos naturais protexidos da Comunidade, así como a aquelas instalacións públicas destinadas a divulgar información sobre os mesmos, como os centros de interpretación e as aulas da natureza.
 
Ao abeiro dese convenio, garantirase un servizo especializado nas accións de comunicación, actos e eventos de carácter institucional que se promovan desde a Xunta así como nas visitas que se organicen a este tipo de espazos para facilitar a participación das persoas xordas e que poidan gozar plenamente da experiencia de percorrer e coñecer os principais espazos naturais protexidos de Galicia.
 
Para facilitar ese obxectivo, a Federación comprométese a ofrecer un servizo especializado neste tipo de accións de difusión, garantindo unha comunicación real e efectiva entre persoas xordas, xordo-cegas e persoas oíntes a través da posta a disposición de intérpretes de lingua de signos e de guías-intérpretes para apoiar ás persoas xordo-cegas. Ademais, entre as obrigas asumidas pola FAPXG tamén figura a realización de códigos QR adaptados á linguaxe de signos para a súa colocación nos espazos naturais de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/01/2024