A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe este municipio pontevedrés

A Xunta aproba de forma inicial o plan básico municipal de Dozón de cara a dotar o municipio dun instrumento eficaz de ordenación do territorio

Ángeles Vázquez salienta que é o primeiro concello pontevedrés en superar este trámite para contar cunha ferramenta que ten como obxectivo impulsar unha ordenación urbanística responsable e sostible dos concellos de menos de 5.000 habitantes

Dozón (Pontevedra), 22 de xaneiro de 2024

A Xunta de Galicia aprobou de forma inicial o Plan Básico Municipal do Concello de Dozón de cara a dotar o municipio dun instrumento eficaz de ordenación do territorio, tal e como subliñou a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

Durante o acto de sinatura da resolución pola que se aproba inicialmente o PBM, no que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, a vicepresidenta segunda salientou que Dozón é o primeiro concello da provincia en superar este trámite para contar cunha ferramenta que ten como obxectivo impulsar unha ordenación urbanística responsable e sostible dos concellos de menos de 5.000 habitantes para garantir un territorio ordenado.

Nesa liña, logo de indicar que tras este trámite o seguinte paso será iniciar o procedemento de información pública e solicitar todos os informes preceptivos previos para a súa aprobación definitiva, Ángeles Vázquez explicou que este PBM establece un total de 55 núcleos rurais, dos que 46 son tradicionais; 2, comúns, e 7 combinan ambas condicións.

A maiores, o plan tamén identifica e cataloga os 164 elementos do patrimonio arqueolóxico, arquitectónico e etnolóxico, dos que 2 están declarados Ben de Interese Cultural.

Para concluír, a vicepresidenta segundaincidiu en que o obxectivo xeral destes plans básicos municipais é acadar un uso racional do territorio e a protección dos seus valores naturais e patrimoniais. Trátase, polo tanto, dun instrumento moi respectuoso e necesario para os veciños que viven en Dozón e para quen queira investir neste municipio ao garantir o desenvolvemento dun urbanismo responsable.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/01/2024