A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia a concesión de 93 novas axudas á transformación de frotas de transportes de viaxeiros e de mercadorías por estrada

Trátase das subvencións outorgadas entre o 1 de outubro e o 31 de decembro de 2023, das que 73 se corresponden coa actividade de achatarramento de vehículos e 20 coa adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono

O DOG recolle a resolución coa listaxe destes incentivos, que acadan un orzamento de algo máis de 5 M€

A orde de axudas lanzada en abril de 2022 inclúe tamén incentivos á modificación da forma de propulsión de vehículos, a implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos e a adquisición de semirremolques para autoestradas ferroviarias

O prazo de solicitude destas axudas mantense ata o día 30 de abril deste ano, agás no caso dos puntos de recarga, cuxo prazo rematou o 31 de decembro

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2024

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a concesión de 93 novas axudas á transformación de frotas de transportes de viaxeiros e de mercadorías por estrada.

No seguinte enlace ao DOG recóllese a resolución coa listaxe destas subvencións, que acadan un orzamento de algo máis de 5 millóns de euros. No seguinte enlace pode consultarse a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240122/AnuncioG0533-120124-0001_gl.html

O DOG recolle así a resolución coa listase das subvencións outorgadas entre o 1 de outubro e o 31 de decembro de 2023, das que un total de 73 foron outorgadas para o achatarramento de vehículos por estrada, destinando un orzamento de máis de 1.477.000 euros.

Esta publicación tamén recolle o outorgamento de 20 novas axudas dirixidas á adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono, cun orzamento de 3.580.000 euros.

Cómpre lembrar que estas liñas de incentivos foron lanzados desde a Xunta en abril do 2022 a prol do sector do transporte, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-Next Generation EU, xestionado polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible.

O obxectivo desta iniciativa é favorecer a xeración de emprego indirecto en fabricación de vehículos e contribuír á diminución de emisións de gases de efecto invernadoiro.

Ademais destas subvencións dirixidas ao achatarramento das frotas ou á compra de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono, as restantes liñas de actividade contempladas na convocatoria diríxense tamén á modificación da forma de propulsión de vehículos, á implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos e á adquisición de semirremolques para autoestradas ferroviarias.

O orzamento total destes incentivos suma case 29,5 M€, tras terse ampliado o crédito das mesmas en dúas ocasións. Deste xeito o prazo de solicitude destas axudas mantense aberto ata o día 30 de abril de 2024, agás as correspondentes cos puntos de recarga, cuxo prazo rematou o pasado 31 de decembro de 2023.

As persoas interesadas en solicitar estas axudas, poden consultar toda a información da convocatoria no seguinte enlace: https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/recursos/axudas-subvencions?content=axuda_0012.html

Data de actualización: 22/01/2024