A Xunta avoga pola mediación nos procesos de acollemento familiar como ferramenta de protección dos dereitos da infancia

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participaron hoxe na xornada ‘Mediando na protección da infancia’

No encontro púxose tamén de manifesto a importancia da colaboración entre institucións para impulsar a cultura do acollemento familiar entre a cidadanía

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2024

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participaron hoxe na xornada Mediando na protección da infancia, onde avogaron pola mediación nos procesos de acollemento como ferramenta de protección dos dereitos dos menores. No encontro, organizado pola Asociación Galega de Familias de Acollida (Acougo) e o Círculo de Mediación de Galicia (Cimega) co apoio da Xunta, ambos os directores xerais incidiron tamén na importancia da colaboración entre institucións para impulsar a cultura do acollemento familiar entre a cidadanía.

José Tronchoni sinalou a importancia de poñer en valor os métodos alternativos de xestión de conflitos como vía legal de protección dos dereitos da infancia, así como o compromiso da Xunta nas resolucións de xeito extraxudicial. “A mediación é flexible, rápida e económica para as partes, e permite non xerar tensión”, apuntou. Para o director xeral de Xustiza, ante as discrepancias que poidan xurdir pola custodia de menores en acollemento, cómpre apostar por un proceso “eficaz, áxil e comprometido” fronte á rixidez do método tradicional.

Na súa intervención, Tronchoni referiuse tamén ao compromiso do Goberno galego coa mellora do sistema de protección dos menores e das súas contornas familiares, tanto biolóxicas como acolledoras, e destacou a colaboración fluída e eficaz da Administración autonómica co labor solidario que rodea o acollemento. Nesta liña, apostou por seguir apoiando proxectos que favorezan a difusión do acollemento familiar, así como dos novos métodos legais nestes procedementos a prol do benestar e o interese superior dos menores. 

Pola súa banda, Jacobo Rey lembrou que o conflito familiar entre proxenitores é un factor de risco que pode supoñer provocar unha situación de desprotección na infancia. Por esa razón, desde a Administración autonómica vense apostando desde hai anos pola mediación familiar como ferramenta para afrontar estes conflitos e reducir o seu impacto en nenos e adolescentes.

Neste sentido, o director xeral de Familia, infancia e Dinamización Demográfica lembrou que a Xunta de Galicia dispón de recursos públicos e gratuítos para as familias, coma os Puntos de Encontro Familiar ou os Gabinetes de Orientación Familiar, nos que se traballa coa mediación familiar dentro das súas intervencións co obxectivo de garantir o benestar dos nenos, nenas e adolescentes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/01/2024