O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participa na presentación da carteleira programada ata finais de abril no Pazo da Cultura

A Xunta contribúe á nova oferta cultural de Carballo con 13 citas escénicas e musicais dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios

O circuíto desenvolvido pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades xunto a 41 concellos de toda Galicia ten contratadas 351 actuacións ata o vindeiro mes de xuño

Carballo (A Coruña), 19 de xaneiro de 2024

O Concello de Carballo presentou hoxe a nova programación cultural que se desenvolverá na vila ata finais de abril e na que se inclúen 13 actuacións de teatro, danza e música programadas co apoio da Xunta de Galicia no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Este circuíto público, promovido pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades xunto ás 41 entidades locais asociadas, supón este semestre a contratación de máis de 130 formacións artísticas que levarán a cabo 351 funcións escénicas e concertos nos escenarios asociados das catro provincias.

Ao Pazo da Cultura carballés acudiu hoxe Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, para e participar no anuncio desta nova carteleira e deixar testemuño do apoio á mesma por parte do Goberno galego.

A finais deste mes de xaneiro terá lugar a primeira proposta escénica do semestre cunha función da montaxe O auto do Castromil, de Producións Teatrais Excéntricas en coprodución co Centro Dramático Galego, o día 26. En febreiro, recala en Carballo o espectáculo musical Resoando no pasado, do multi-instrumentista Abraham Cupeiro, o día 2; a proposta de teatro familiar Nanai da China, de Pérez&Fernández, o día 4; e Deadpan Karaoke, a nova comedia do absurdo de Ibuprofeno Teatro, o día 23. En marzo, a programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios achega ao público do Pazo As alumnas, a adaptación de Culturactiva da obra galardoada no 2023 co Premio Nacional de Literatura Dramática, o día 1; Mermelhada, da veterana compañía de teatro de monicreques El Retablo, o día 3; e As que limpan, de A Panadaría, o día 22.

Primavera EnDanza

Tamén se enmarcan ao abeiro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios as seis pezas coreográficas que se poderán ver no Pazo da Cultura do 12 ao 30 de abril dentro da  22ª edición do ciclo Primavera EnDanza. O Concello de Carballo organiza un ano máis esta mostra cunha variada selección de propostas artísticas, tanto galegas como estatais, que inclúe ademais distintas actividades complementarias de achegamento á danza contemporánea como estratexia de afianzamento de públicos.

A carteleira da actual edición do ciclo está conformada por Vaivén, peza unipersoal de Marcia Vázquez, programada para o día 12 de abril; Multiperspectivas #2, de Paula Quintas Cía, o día 13; Berro, a peza de celebración do vixésimo aniversario de Nova Galega de Danza, o día 20; El cuento de Persépolis, da agrupación valenciana La Coja Dansa, o 21; Disculpa si te presento como que no te conozco, da compañía circense Pistacatro, o 26; e Los perros, dos navarros Led Silhouette, o 30 de abril.

Baixo o lema Cultura con forza, a programación cultural preparada polos responsables municipais complétase este cuadrimestre con varias exposicións e contacontos, coa mostra de cinema euroárabe Amal en ruta ou co festival Carballo Interplay, entre outras actividades.

Data de actualización: 19/01/2024