Rivo avoga por unhas relacións laborais xustas e polo uso da Intelixencia Artificial con perspectiva de xénero no marco do Campus formativo da Xunta para a igualdade laboral

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade clausurou unha xornada deste Campus que ofrece a empresas, formadores e usuarios -de xeito gratuíto- información, formación e sensibilización para pasar da igualdade legal á real

Na actualidade hai rexistradas arredor de 5.000 persoas para acceder a contidos sobre igualdade laboral, sobre prevención e tratamento do acoso por razóns de sexo ou sobre protección integral da liberdade sexual e da integridade moral no traballo

Na xornada de hoxe participaron Karina Gibert, catedrática en Intelixencia Artificial da Universidade Politécnica de Barcelona, e Isabel Olmos, maxistrada da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
 

A Coruña, 19 de xaneiro de 2024

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, clausurou hoxe a xornada Intelixencia artificial con perspectiva de xénero. Un desafío no ámbito laboral do Campus formativo en igualdade laboral impulsado pola Xunta. Unha xornada que se inaugurou coas intervencións da secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, e da directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha. Na súa intervención, a conselleira avogou por un uso responsable das novas tecnoloxías que garanta a igualdade, ao tempo que puxo de relevo as arredor de 5.000 persoas usuarias rexistradas no Campus para acceder a distintos contidos de xeito totalmente gratuíto.

No referido á xornada de hoxe, a conselleira sinalou que o futuro é claramente tecnolóxico, polo que esas novas tecnoloxías deben avanzar parellas á sociedade, garantindo unha xusta equidade. Así, apuntou que as novas ferramentas implican novos retos pero tamén novas oportunidades para acadar unha contorna laboral máis igualitaria. Dentro desas posibilidades, a Intelixencia Artificial é unha ferramenta con potencial ilimitado, pero debe ser empregada de xeito responsable -dixo- para evitar caer en dinámicas discriminatorias e de desigualdade.

Elena Rivo sinalou que cómpre darlles ás mulleres a visibilidade e presenza que lles foi privada durante séculos. No caso do mundo laboral, da man das empresas e das persoas traballadoras para reforzar e consolidar unha relación entre ambas partes rexida pola igualdade.

Ese é o obxectivo primordial do Campus formativo en igualdade laboral, unha aposta firme á que se lle dará continuidade en 2024 e que conta xa cunhas 5.000 persoas usuarias que poden acceder a diversos cursos e talleres sobre igualdade laboral, prevención e tratamento do acoso por razóns de sexo ou sobre protección integral da liberdade sexual e da integridade moral no traballo.

Segundo a conselleira, trátase así dun espazo dixital de teleformación que pretende dotar de ferramentas de calidade -de xeito totalmente gratuíto- a empresas, formadores e usuarios, aos que se lles ofrece información, formación e sensibilización para conseguir o reto de pasar da igualdade legal á real.

Cómpre engadir que na xornada de hoxe, celebrada na Cidade das TIC da Coruña, participaron Karina Gibert, catedrática en Intelixencia Artificial da Universidade Politécnica de Barcelona e vicepresidenta segunda do Consejo General de Colegios Profesionales de Ingeniería Informática, e Isabel Olmos, maxistrada da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Ambas, desde as súas respectivas perspectivas, puxeron sobre a mesa os retos da Intelixencia Artificial, con enfoque de xénero e no contexto das relacións laborais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/01/2024