O director de Industrias Culturais asiste á apertura da súa novena edición, organizada en Vigo pola Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización CREA

O encontro 'Conecta +' achégalles 22 novos proxectos audiovisuais a produtoras de España e Portugal co apoio da Xunta

O obxectivo desta xornada de ‘coworking’ é poñer en contacto a profesionais dos ámbitos da creación e da produción para propiciar a rodaxe de propostas que nestes momentos se atopan en fase de desenvolvemento

Tui acolle tamén a última fase da segunda edición do programa ‘Ventura’, organizado polo equipo do festival Play-Doc, cun mercado de coprodución no que participa unha selecta escolma de profesionais do ámbito cinematográfico internacional

Vigo, 20 de xaneiro de 2024

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe en Vigo na apertura da novena edición do encontro audiovisual Conecta +, para o que a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización CREA volve contar co apoio da Xunta no marco da liña de colaboración anual que o Goberno autonómico mantén cos principais colectivos do sector en Galicia. Unha vintena de produtoras e distribuidoras de España e Portugal foron convidadas a esta xornada de networking para coñecer de primeira man os 22 proxectos participantes cara a posibles alianzas que faciliten a súa rodaxe e chegada ás pantallas.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades felicitounos pola súa selección entre as máis de 80 propostas recibidas e destacou a variedade e a calidade da escolma, realizada por unha comisión de profesionais das directivas de CREA e da Asociación Galega de Guionistas (AGAG), entre a que se atopan propostas asinadas por nomes moi recoñecidos do noso audiovisual.

Esta listaxe está integrada polos proxectos presentados por Samuel Lema, Jorge Navarro e Elena Martínez, Sara Casasnovas, Pedro Díaz, María Hervera, André Guiomar, Helena Santín, Alberto Díaz e Kyong Sik Suh Oh, Sergio Daniel Alonso Fernández e Miguel Pertejo, Servando Vidal, Rebeca Novo, Teresa Barberena, Ángela Andrada e Fernando Tato, Sara Hermo, Pablo Fontenla, Ángel de la Cruz e Jose Antonio Pastor, Simón Casal, Simone G. Saibene, Álvaro Liste e Alejandra Aguirre Ordóñez, Adrián Castiñeiras e Fernando Tato, Claudia Brenlla, Gutier Rolán, Héctor Carré, e Antonio Nogueira.

Todos eles teñen a oportunidade de entrar en contacto cunha representación de destacadas compañías a nivel estatal como A Contracorriente, RTVE ou Sentido, así como de produtoras do norte de Portugal como FilmesDaMente, Pixbee, O Olhar de Ulisses ou  Cimbalino Filmes. Pola banda galega, participan empresas como Sétima , Frida Films, Ollo Vivo, Portocabo, La Región, Miramemira, Setemedia ou Gaita Filmes.

Para Jacobo Sutil, Conecta + é xa unha actividade totalmente consolidada e moi relevante nun obxectivo compartido coa Xunta de Galicia: “Trátase de posibilitar puntos de encontro profesional para continuar anazando no que xa hoxe é un feito máis que comprobado: o talento e a solvencia do audiovisual galego”, sinalou.

Nesta mesma liña de traballo sitúanse outras actividades organizadas por CREA coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades como Conecta, para o encontro entre os ámbitos do guión e a dirección, e a iniciativa formativa Conecta LAB, que culminará o vindeiro mes de abril cunha residencia artística de 10 días na illa de San Simón

Peche da segunda edición de ‘Ventura’

Ademais, o responsable de Industrias Culturais desprazouse ata Tui para asistir ás presentacións dos proxectos seleccionados na segunda edición do programa Ventura, organizado polo equipo de dirección do festival Play-Doc e dirixido a cineastas e produtores que centran o seu labor na realización de películas independentes cunha forte visión artística.

A Xunta colabora tamén neste evento no que, nesta ocasión, participan 10 propostas de España, Francia, Grecia e Portugal, entre as que se atopa a galega Querer vivir un grito, da realizadora Diana Toucedo coas produtoras Andrea Vázquez e Alba Sotorra.

Esta fin de semana estase a desenvolver a terceira etapa do programa, durante a que os representantes destes proxectos participan nunha serie de encontros cunha selección internacional de profesionais do sector en representación de produtoras, distribuidoras, axencias de venda,  comisións de cinema, fondos, mercados ou festivais. Organizado a modo de mercado de coprodución, con esta actividade péchase esta segunda edición de Ventura, dentro da que tamén tiveron lugar diferentes accións formativas e unha residencia de escritura intensiva.

Data de actualización: 20/01/2024