A Xunta impulsa seis cursos de formación para potenciar a remuda xeracional nos oficios artesanais

A Fundación Artesanía de Galicia inicia o seu programa formativo de 2024 con seis cursos especializados na ourivería, na tapicería, no tecido, na marroquinería, na costura e na tornería de madeira que se desenvolverán ata abril

Esta iniciativa enmárcase no programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas, iniciado o ano pasado e destinado á mellora continua dos profesionais da artesanía e á captación de novos talentos para o sector
 

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2024

A Xunta de Galicia continúa coa súa aposta pola preservación do patrimonio inmaterial, polo desenvolvemento económico e a transmisión de técnicas e oficios artesanais a través do programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas iniciado no ano 2023 a través da Fundación Artesanía de Galicia. Entre este mes de xaneiro e abril está previsto realizar seis cursos especializados na ourivería, na tapicería, no tecido, na marroquinería, na costura e na tornería de madeira, co obxectivo de potenciar a mellora continua dos profesionais da artesanía e a captación de novos talentos para o sector, co obxectivo de asegurar a remuda xeracional nestes oficios artesanais.

As inscricións para estes cursos de formación están abertas na web da Fundación Artesanía de Galicia. O programa formativo de 2024 comezará o 27 de xaneiro co curso Patronaxe, corte e confección, impartido pola artesá Ana Prados no seu taller de Santiago de Compostela. O 2 de febreiro comeza o curso Técnicas de ourivería e acibechería, impartido tamén na capital galega polo artesán Ricardo Rivas, Premio Traxectoria nos Premios Artesanía de Galicia 2020.

Pola súa banda, a artesá Estelle Bisson encargarase de impartir o curso de Iniciación á tapicería tradicional no seu taller da Coruña, que se desenvolverá entre o 5 de febreiro e o 5 de marzo. Os días 8, 9, 15 e 16 de febreiro, terá lugar en Vigo o Curso avanzado de tornería de madeira, a cargo do torneiro Adrián Pena, do obradoiro Xar Arte en Madera.

Entre o 16 de febreiro e o 23 de marzo desenvolverase en Santiago de Compostela o curso de Marroquinería fina. Deseño e elaboración dunha totebag con asas ríxidas, impartido polo artesán Ezequiel Franchi, do obradoiro Raíces Nómadas, finalista nas dúas últimas edicións do Premio Artesanía de Galicia.

O último dos cursos programados para esta primeira parte do ano pola Fundación Artesanía de Galicia será o de Elaboración dunha bufanda de la de cores en tear de baixo lizo, que estará impartido polo artesán Rafael González en Gondomar (Pontevedra) e desenvolverase entre o 18 de marzo e o 5 de abril.

O programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas  iniciouse a finais de 2023 a través doutros seis cursos de formación especializada na ourivería compostelá, no tecido tradicional, na talla do acibeche, na olería de Buño e na pasamanería, e está previsto incrementar o número de actividades formativas especializadas en técnicas tradicionais vinculadas a diferentes oficios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/01/2024