A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial en Pontevedra, Agustín Reguera, mantivo hoxe un encontro de traballo co alcalde, José Manuel Alfonso

A Xunta somete a información pública o proxecto de reforma do cruce de Setados da PO-400, no concello das Neves

O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a actualización do proxecto construtivo da actuación na intersección situada no quilométrico 9+980 desta estrada autonómica

O proxecto ten un orzamento de 460.000 €, incluíndo as contías necesarias para financiar as expropiacións

O obxectivo é aumentar a visibilidade e reforzar a seguridade viaria nos movementos de tráfico deste cruce, punto de acceso principal á parroquia

Para iso desprazarase uns 55 metros a intersección ata o punto quilométrico 10+035, co fin de ampliar a calzada e dar cabida aos carrís de xiro e aos de acceso, asegurando a visibilidade na parada e no cruce dos vehículos que entran e saen da parroquia

As Neves (Pontevedra). 19 de xaneiro de 2024

A Xunta somete a información pública o proxecto de reforma do cruce de Setados da estrada PO-400, no concello das Neves.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, mantivo hoxe unha reunión de traballo informativa co alcalde, José Manuel Alfonso, para abordar este novo paso administrativo, tras a actualización do proxecto construtivo para a execución da intersección situada no quilométrico 9+980 da vía autonómica, punto de acceso principal á parroquia de Setados.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio do inicio da información pública desta intervención, que ten un orzamento de 460.000 €, incluíndo as contías necesarias para financiar as expropiacións dos terreos que será necesario ocupar para acometer as obras.

As persoas interesadas dispoñen agora dun prazo de 30 días hábiles para presentar as súas suxestións, é dicir, ata o venres día 1 de marzo. A partir de aí, o procedemento continúa coa análise das alegacións para incorporar aquelas que se consideren oportunas, antes da aprobación definitiva do proxecto.

Os técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas prevén poder ter rematado ese traballo no terceiro trimestre deste ano, para poder licitar, a continuación, as obras, e inicialas no segundo trimestre de 2025. O prazo de execución dos traballos é de 4 meses.

O obxectivo desta actuación é mellorar as condicións dese cruce de Setados, co fin de aumentar a visibilidade e reforzar a seguridade viaria nos movementos de tráfico. Hai uns anos acometéronse pequenas actuacións destinadas a mellorar a contorna. Agora e co consenso de acometer unha intervención máis ampla, sométese a información pública a reformulación integral da intersección.

O cruce actual da PO-400 coa vía municipal que conecta cos núcleos da Laxe e da Igrexa presenta problemas de visibilidade, está moi próximo a unha vivenda, hai un cambio de rasante e non garante a seguridade nos cruces.

Tendo en conta iso, a actuación proposta supón desprazar a intersección ata o punto quilométrico 10+035, é dicir, uns 55 metros.  

Iso fai posible ampliar a calzada para dar cabida aos carrís de xiro e aos de acceso, asegurando a visibilidade, tanto na parada como no cruce dos vehículos que entran e saen da parroquia de Setados.

Ademais desa ampliación da calzada da PO-400 e do desprazamento do cruce, a intervención inclúe un eixe secundario deseñado para conectar a vía municipal coa estrada autonómica de forma segura.

O proxecto de mellora da intersección inclúe alumeado público, ampliando a rede existente na travesía da PO-400 ata a zona de intersección.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/01/2024