A Xunta pon en valor a calidade da atención ofrecida ás persoas con discapacidade no Cegadi
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou esta mañá os usuarios que acoden cada día ao Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi) para realizar terapias e recibir atención especializada. Alí, fixo fincapé na calidade da atención ofrecida nestas instalacións públicas autonómicas, que están sendo xestionadas por Cogami.
Desde a súa posta en marcha, no ano 2018, este centro puxo o foco en técnicas de fisioterapia innovadoras, empregando novas tecnoloxías; na terapia ocupacional, co uso de salas de integración e estimulación sensorial; servizos de logopedia; e tamén atención neuropsicolóxica. Neste sentido, cóntase con profesionais especializados nos distintos ámbitos: educadores e traballadores sociais, así como persoal experto en accesibilidade.
Ademais, estes profesionais tamén realizan intervencións e acompañamento no entorno dos usuarios, para axudarlles a fomentar a súa autonomía nos lugares onde residen.