Máis dun cento de empresas da transformación e venda de produtos do mar se benefician das axudas da Xunta para compensar sobrecustos pola guerra de Ucraína

O esencial segmento industrial da actividade marítimo-pesqueira de Galicia dispuxo dun apoio autonómico que non se habilitou por parte do Estado

Contribuirán a paliar os altos prezos que pagaron por materias primas como a fariña, o pan relado ou os aceites, tamén os envases, os gases refrixerantes e a luz e o gas

O Consello da Xunta analizou hoxe o informe sobre a resolución das axudas de carácter compensatorio ás empresas de comercialización por xunto e de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura polos custos adicionais en que incorreron como consecuencia da guerra de Ucraína. Esta convocatoria extraordinaria do Executivo galego foi convocada no Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado 24 de agosto e permitiu que un total de 104 empresas conten con apoio ante a suba de custos que afectou a súa actividade produtiva. A pesar de ser estratéxica, a industria ligada á actividade marítimo-pesqueira de Galicia non percibiu ningún tipo de apoio por parte do Goberno central.

 

Estas axudas, cofinanciadas ao 75 % polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), forman parte dos apoios que a Xunta de Galicia mobilizou no ano 2023 para contribuír a paliar o impacto que a suba de prezos provocada pola invasión rusa de Ucraína tivo na cadea mar-industria galega. Dotadas en conxunto con preto de 15 millóns de euros, dirixíronse tamén á frota pesqueira e tamén ao sector da acuicultura. 

 

A resolución das axudas para a transformación e a comercialización de produtos do mar deixa un total de 104 beneficiarios, os cales, entre outros gastos, poderán compensar o incremento que padeceron nos prezos da fariña, do pan relado e do aceite de oliva e xirasol. Tamén permite afrontar parte do sobrecusto que tiveron nos envases e embalaxes de madeira, cartón, plástico, vidro e tamén dos de metal, entre eles as latas das conservas. Tamén responde ás altas facturas que aboaron polo cloro, gases refrixerantes e en enerxías como a electricidade e o gas.

Tras a resolución foron 6,32 millóns de euros os destinados a esta liña de subvención ao sector transformador, para o cal a Xunta é a única Administración que habilita recursos.

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 18/01/2024