O DOG publica a convocatoria que eleva ata os 7,13 M€ o orzamento para a contratación de orientadores laborais en concellos e entidades sen ánimo de lucro

Prevese que estas axudas que saen hoxe no Diario Oficial de Galicia -que se poden solicitar desde mañá ata o próximo 19 de febreiro- beneficien preto de 135 municipios e entidades para a contratación ou o mantemento de arredor de 260 técnicos

Financiarase cun máximo de 28.000 euros cada técnico contratado a tempo completo e con 31.000 euros se a entidade sen ánimo de lucro á que se incorpore está especializada no traballo con persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que eleva ata os 7,13 millóns de euros o orzamento para a contratación e o mantemento de orientadores laborais en concellos e entidades sen ánimo de lucro. A previsión é aproximarse as 135 entidades beneficiarias para a contratación ou o mantemento de arredor de 260 técnicos, polo que se poderán atender máis de 77.000 persoas desempregadas no conxunto da Comunidade.

O prazo de presentación de solicitudes arranca mañá e finaliza o próximo 19 de febreiro.

Os contratos terán unha duración dun ano financiándose estes postos cunha contía máxima de 28.000 euros por cada técnico en orientación laboral incorporado a tempo completo e con 31.000 euros cando o contrato se desenvolva nunha entidade sen ánimo de lucro especializada na atención á discapacidade e/ou a persoas en risco de exclusión.    

Os orientadores prestan asistencia para o autoemprego e artellan medidas encamiñadas a mellorar as posibilidades de ocupación das persoas demandantes de emprego (inscritas no Servizo de Emprego de Galicia). Así, entre outras funcións, elaboran diagnoses individualizadas sobre o perfil e necesidades dos desempregados, proporcionan información sobre o mercado de traballo e os distintos incentivos, deseñan itinerarios individuais e personalizados de emprego ou informan sobre a oferta de accións de formación profesional ou o proceso de recoñecemento das competencias adquiridas.

Os técnicos afectados por esta convocatoria, súmanse aos 130 que forman parte do servizo propio e permanente de orientación laboral e prospección da Xunta de Galicia destinados nas 53 oficinas de emprego da comunidade. Tamén existen, a maiores, arredor de 250 axentes de desenvolvemento local e axentes de emprego que exercen as súas funcións en entidades sociais e prestan atención á cidadanía galega.   

Data de actualización: 18/01/2024