O DOG publica a convocatoria de 950.000 € para que as Anpas poñan en marcha programas de igualdade, de prevención da violencia de xénero e de conciliación

Estas axudas da Xunta de Galicia dirixidas tanto ás asociacións de nais e pais como ás federacións e confederacións deste tipo de asociacións poderán solicitarse desde mañá ata o próximo 19 de febreiro, coa previsión de achegarse ás 200 beneficiarias

Establécense dúas liñas de apoios: para as iniciativas de igualdade e de loita contra a violencia machista, con axudas máximas de 3.000 ou 6.000 euros; e para as actuacións para favorecer a conciliación e a corresponsabilidade con apoios de ata 20.000 euros

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se convocan as axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade, de prevención e loita contra a violencia de xénero e a prol da conciliación e da corresponsabilidade impulsadas tanto polas asociacións de nais e pais (Anpas) como polas federacións e confederacións deste tipo de asociacións. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina un orzamento de 950.000 euros a estas achegas que se poden solicitar desde mañá ata o próximo 19 de febreiro e coas que se prevé roldar as 200 entidades beneficiarias en total.

O programa inclúe así dúas liñas de apoio: para as iniciativas de igualdade e de loita contra a violencia machista, que forman parte do Pacto de Estado (400.000 euros) e para as actuacións encamiñadas a facilitar a conciliación (550.000). No caso dos apoios para as accións de igualdade e de prevención da violencia de xénero, cada solicitude poderá recibir un máximo de 3.000 euros, se é de carácter individual; ou de 6.000 euros, no caso das peticións conxuntas presentadas por federacións ou confederacións de Anpas. As diferentes actuacións, para recibir as axudas, teñen que estar realizadas entre o 1 de decembro de 2023 e o 30 de novembro de 2024.  

O Goberno galego quere contribuír con este programa á formación, sensibilización e información das familias e asociacións de nais e pais na perspectiva de xénero, concienciando ás fillas e fillos, ao alumnado e á comunidade educativa sobre os estereotipos de xénero existentes e visibilizando as mulleres e as nenas co gallo de promover unhas relacións respectuosas e en igualdade que preveñan a violencia de xénero.  

Ao abeiro desta convocatoria poden financiarse, polo tanto, programas e actividades de difusión dirixidas ao alumnado de centros educativos non universitarios, ás familias, ás Anpas e á comunidade educativa en xeral. Entre as actuacións concretas, apóiase a celebración de escolas de pais e nais que aborden temas de igualdade; obradoiros de educación afectivo-sexual e sobre violencia de xénero, e a elaboración de materiais informativos para nais e pais que os axuden a detectar estes casos.

Tamén a realización de accións de formación, sensibilización e difusión contra a cousificación do corpo das mulleres e contra a hipersexualización das nenas; a formación para pais e nais ou persoas mozas sobre o uso adecuado e crítico das novas tecnoloxías (especialmente na protección da privacidade e sobre os ciberdelitos) e sobre novas masculinidades ou micromachismos; e outras accións que permitan avanzar na eliminación dos estereotipos e dean pautas para previr a violencia de xénero e sobre como actuar ante casos de agresión.

Conciliación

O Goberno galego, doutra banda, promoverá coa segunda liña de axudas deste programa, dotada con 550.00 euros, o desenvolvemento de servizos de conciliación baseados nos coidados profesionais, que se poderán prestar en dependencias públicas e/ou a domicilio, polo que contribuirá tamén á creación de postos neste sector. Do que se trata é de facilitar a corresponsabilidade e a conciliación das familias galegas con fillas e fillos de ata 16 anos (inclusive) mediante bolsas de coidado profesional.

No marco da convocatoria, outorgarase financiamento, polo tanto, para a posta en marcha dos servizos de coidado que presten as entidades, tanto no domicilio como en dependencias públicas (ludotecas, polideportivos, multiusos, entre outros), así como para o desenvolvemento de plans de sensibilización e formación en materia de corresponsabilidade e coidados destinados aos homes e ás familias. As diferentes actuacións teñen que estar realizadas entre o 1 de decembro de 2023 e o 30 de novembro de 2024.

Coas axudas, de ata 20.000 euros como máximo, financiaranse a través do Plan Corresponsables, entre outros, os gastos directos da contratación do persoal -incluíndo a contratación mercantil ou externa da prestación destes servizos- así como outros de tipo corrente nos que incorran as entidades para desenvolver as actuacións, a difusión e información, así como a edición de materiais didácticos.  

Data de actualización: 18/01/2024