Segue aberto o prazo para solicitar as axudas de apoio ao labor das entidades recoñecidas para a realización do control leiteiro en Galicia

A orde ten como obxectivo compensar en parte os gastos xerados ás entidades oficialmente recoñecidas para a realización do control leiteiro, en atención aos beneficios que o sector recibe pola implantación deste sistema

Poderán beneficiarse destas axudas as entidades oficialmente recoñecidas pola comunidade autónoma de Galicia como terceiros para a realización do control leiteiro oficial

Estas entidades teñen ata o día 6 de febreiro para poder presentar as súas solicitudes para estas achegas, dotadas dun total de 750.000 euros

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2024

As entidades recoñecidas para a realización do control leiteiro teñen de prazo ata o vindeiro día 6 de febreiro para solicitar as axudas. Poderán beneficiarse destas achegas, dotadas cun orzamento de 750.000 euros, as entidades oficialmente recoñecidas pola comunidade autónoma de Galicia como terceiros para a realización do control leiteiro oficial.

Esta achega ten como finalidade compensar en parte os gastos xerados ás entidades oficialmente recoñecidas para a realización do control leiteiro en Galicia, en atención aos importantes beneficios que o sector no seu conxunto recibe pola implantación xeneralizada deste sistema.

As actividades subvencionables para realizar polas entidades beneficiarias serán todas aquelas actuacións destinadas a comprobar sistematicamente as producións e outras aptitudes funcionais das femias reprodutoras leiteiras, para a determinación do valor xenético e os méritos ou outras capacidades dos animais, no marco dun programa de cría aprobado oficialmente para a raza.

Data de actualización: 17/01/2024