A Xunta publica o marco específico para que as universidades galegas poidan implantar graos e másteres duais a partir do vindeiro curso

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe estas instrucións, que supoñen o primeiro modelo autonómico existente en España
 

O obxectivo é que conten cunha guía de actuación clara e con criterios homoxéneos para impulsar a creación de titulacións que melloren a empregabilidade

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2024

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia os requisitos básicos para que as universidades galegas poidan implantar graos duais a partir do vindeiro curso. O obxectivo é crear un marco específico de referencia, unha guía clara que especifique unha serie de liñas de actuación mínimas e homoxéneas para garantir a calidade e oportunidade das propostas que realicen estas entidades académica para a posta en marcha de mencións duais, buscando dar pulo a estas titulacións, dado o seu valor para mellorar a empregabilidade do alumnado.

Deste xeito, as instrucións sobre a documentación que debe presentar unha universidade para solicitar a verificación dun título oficial de grao ou máster universitario con mención dual buscan orientar aos centros universitarios no proceso interno de elaboración, revisión e modificación das propostas de mencións duais, que incorporen as memorias de verificación dos seus título. Aplicaranse ás novas solicitudes de verificación así como a aquelas que estean en trámite.

Entre a documentación mínima, cada universidade deberá concretar a relación de entidades colaboradoras seleccionadas para posta en marcha da mención dual pola súa dispoñibilidade de recursos materiais, infraestruturas e servizos adecuados, así como as accións encamiñadas a dotalas de capacidades e ferramentas adecuadas para xestionar correctamente o proceso de aprendizaxe do estudantado.

A formación dual requirirá dun acordo entre as partes interesadas a través dun convenio específico, que documente as relacións e obrigas de cada parte. Este acordo incluirá a planificación e organización curricular, que poderá ser en modalidade parcial, de alternancia diaria (mañá/tarde) ou entre semana (ex: 3 días/2 días); ou intensiva, combinado períodos longos no centro educativo e na entidade colaboradora (3 meses/3 meses, 6 meses/6 meses, etc.). Deberase garantir en todo momento a posibilidade de compaxinar a actividade formativa no centro universitario e a entidade colaboradora.

Primeiro modelo autonómico

Deste xeito, configúrase un marco normativo que permita sistematizar para o Sistema Universitario de Galicia un procedemento único regrado para a implantación das titulacións duais que, á súa vez, confira seguridade a estudantes e empresas colaboradoras. Este marco específico é o primeiro modelo autonómico para titulacións universitarias duais e constitúe un modelo sistematizado e integral que vai máis aló da experiencia desenvolvida pola Universidade de Mondragón neste eido.

A modalidade dual avanza sobre o modelo de prácticas en empresas ao esixir unha secuenciación de períodos formativos na entidade colaboradora, unha maior integración do período formativo na empresa no curriculum formativo, unha coordinación máis estreita entre a universidade e a entidade colaboradora, unha titorización da parte académica e de dita entidade e a incorporación do traballo fin de grao ou máster.  Como resultado, ofrécese unha alta cualificación ao alumnado, moi axustada ás necesidades reais do mercado de traballo e, polo tanto, con maiores expectativas de empregabilidade. 

 

Data de actualización: 17/01/2024