A Xunta convoca a liña anual de axudas de 3,5 M€ para que os establecementos turísticos melloren as súas infraestruturas

O Diario Oficial de Galicia publica a nova edición destas subvencións anuais dirixidas a establecementos de aloxamento como de restauración da Comunidade galega

Contribuirase a mellorar as condicións de accesibilidade, obras para adaptarse a normativas e mellora da clasificación, aforro enerxético ou dixitalización

 

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova convocatoria de axudas de 3,5 M€ que sufragan as actuacións de accesibilidade, dixitalización ou modernización que fagan os establecementos turísticos galegos, tanto de aloxamento como de restauración.

As subvencións convocadas por Turismo de Galicia concederanse en réxime de concorrencia competitiva e as empresas teñen ata o 19 de febreiro para presentar a súa solicitude.  Sufrágase, entre outras actuacións, as que estean destinadas a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.

Tamén obras que melloren as instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial o Q de Calidade Turística ou actuacións que permitan a adaptación ás modificacións normativas e á mellora da clasificación do establecemento que supoñan un incremento de categoría.

Aforro enerxético

Esta liña de axudas tamén sufraga as actuacións de renovación e modernización das instalacións e embelecemento do contorno da instalación, equipamentos mobles necesarios para o funcionamento, obras de climatización que favorezan a sustentabilidade coa implementación de medidas de aforro enerxético, así como a instalación ou mellora de sistemas de extracción e renovación do aire

Tamén inclúe tamén actuacións de dixitalización dos sistemas de xestión e comercialización do establecemento, e a adaptación dos sistemas de seguridade e saúde na prestación de servizos.

Data de actualización: 17/01/2024