A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo un encontro de traballo coa Asociación de Mulleres Rurais Liafail de Betanzos, atendendo a solicitude de reunión traslada pola entidade

Arredor de 3.700 maiores de 65 anos de Betanzos poden viaxar de balde no transporte público da Xunta empregando a Tarxeta de Mobilidade de Galicia

Para acollerse a esta iniciativa, activa desde o 1 de xaneiro, os maiores de 65 anos deben dispoñer dunha tarxeta TMG, que pode adquirirse nas oficinas de Abanca, e aboar con ela as súas viaxes

No concello de Betanzos hai 575 maiores de 65 anos que contan con esta tarxeta, coa que viaxan de balde no autobús de competencia autonómica

O dispositivo permite realizar ata 60 viaxes gratis ao mes en calquera liña de autobús autonómico e o importe é devolto posteriormente, cargando a bonificación na tarxeta nun caixeiro

O importe das viaxes da 1ª quincena reintégrase a partir do día 5 do mes seguinte; e o dos desprazamentos efectuados na 2ª quincena, recupérase a partir do día 20
 

Betanzos (A Coruña), 16 de xaneiro de 2024

Arredor de 3.700 maiores de 65 anos de Betanzos poden viaxar de balde no transporte público da Xunta empregando a Tarxeta de Mobilidade de Galicia.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo hoxe un encontro de traballo coa Asociación de Mulleres Rurais Liafail de Betanzos, que aglutina a máis de 300 socias e ten 27 anos de historia. 

O obxectivo do encontro, co que se atende a solicitude de reunión realizada pola asociación, foi trasladar información e resolver as dúbidas das asociadas sobre os beneficios desta medida de fomento do transporte público e a prol dunha mobilidade máis sostible.

No encontro informouse do funcionamento desta medida que está en vigor desde o pasado 1 de xaneiro e permite a gratuidade para os maiores de 65 anos no transporte público autonómico.

Para acollerse a esta iniciativa, as persoas maiores de 65 anos deben dispoñer da Tarxeta de Mobilidade de Galicia, a TMG, que se pode adquirir nas oficinas de Abanca, e aboar con ela as súas viaxes.

A día de hoxe son 575 os maiores de 65 anos de Betanzos que dispoñen deste dispositivo. Aqueles que aínda non dispoñan del poden solicitalo nas oficinas de Abanca para comezar a viaxar de balde no autobús interurbano coa Tarxeta de Mobilidade de Galicia.

Este dispositivo funciona dun xeito similar ao da tarxeta Xente Nova, para os menores de 21 anos. Así, os maiores de 65 anos poden realizar ata 60 viaxes gratuítas ao mes en calquera das liñas de autobús autonómico. O importe é devolto posteriormente, cargando a bonificación na tarxeta nun caixeiro.

Neste sentido, o importe das viaxes realizadas na 1ª quincena do mes reintégrase a partir do día 5 do mes seguinte; e o dos desprazamentos efectuados na 2ª quincena do mes, pódese recuperar a partir do día 20 do mes seguinte.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/01/2024