A Xunta conciencia sobre os danos que pode causar a manipulación inadecuada dos produtos químicos empregados polos profesionais dos salóns de beleza

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, está a visitar varios negocios e un centro de formación en Ourense para dar a coñecer ao persoal e alumnado medidas de prevención para os tratamentos de cabelo, unllas e pestanas
 

Trátase de dúas campañas do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral desenvolvidas no marco da Estratexia Horizonte 2027 aprobada tras acadar o máximo consenso cos interlocutores sociais

Ourense, 16 de xaneiro de 2024

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, está a visitar hoxe en Ourense varios salóns de beleza tras acudir tamén a un centro de formación co gallo de concienciar e integrar a prevención do risco químico nos tratamentos de cabelo, unllas e pestanas. Deu así difusión a dúas campañas en marcha do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) ante os seus principais destinatarios: persoas traballadoras deste tipo de negocios e alumnado tanto dos ciclos de Formación Profesional cun futuro nesta actividade como das academias de aprendizaxe do oficio.

Na visita, a conselleira sinalou que a Xunta de Galicia non só está a difundir material informativo (dispoñible na web do Issga), senón tamén organizando talleres formativos para as persoas que traballan neste sector, maioritariamente mulleres que poden padecer patoloxías respiratorias, danos na pel ou nos ollos por mor dos químicos presentes nos produtos que aplican.

Segundo apuntou, todos estes danos pódense evitar aplicando as medidas necesarias de prevención, contando co asesoramento especializado do persoal técnico do Issga. Así, tras a visita a distintos negocios para comprobar como e con que produtos traballan, estes profesionais inciden de xeito inxente en cales son os riscos para a saúde máis relevantes, nos ingredientes dos produtos cosméticos que poden causar danos e na forma correcta de traballar, nas condicións mínimas dos locais e noutras recomendacións preventivas nos salóns de peiteado e beleza, con atención especial ás mulleres embarazadas.

A Estratexia

Estas actuacións enmárcanse na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, aprobada tras acadar o máximo consenso cos interlocutores sociais.

Así, entre as súas medidas inclúese a necesidade de intensificar as campañas de información e formación co obxecto de evitar os danos que pode provocar a manipulación inadecuada dos cosméticos e outros produtos utilizados polos profesionais dos salóns de peiteado e tratamentos de beleza en xeral.

Segundo apuntou Elena Rivo, o obxectivo é seguir traballando de xeito conxunto con todos e cada un dos sectores para reducir os danos na saúde das persoas traballadoras, acompañando ao tecido empresarial e especialmente ás persoas con maiores dificultades, como son os traballos feminizados ou o emprego autónomo.

 
Ligazón á campaña Corta o risco químico, peitea con seguridade:
 

Ligazón á campaña Tratamentos de beleza: prevención do risco químico nas tarefas de manicura profesional e aplicación de tratamentos para pestanas:

https://issga.xunta.gal/gl/biblioteca/tratamentos-de-beleza-prevencion-do-risco-quimico-nas-tarefas-de-manicura-profesional-e

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/01/2024