O DOG convoca axudas para que entidades sen ánimo de lucro desenvolvan proxectos de atención social integral para vítimas de trata e explotación sexual

A Xunta mobilizará 450.000 euros para garantir a atención administrativa e psicolóxica a estas persoas, así como o acompañamento inicial nos chamamentos xudiciais e policiais e accións de rúa para localizar ás vítimas e ofrecerlles os recursos dispoñibles

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases da nova convocatoria de axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para levar a cabo proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual e vítimas de trata con fins de explotación sexual.

A orde de apoios contará para 2024 cun orzamento de 450.000 euros, o que permitirá atender as necesidades de máis de 600 persoas, como nos anos precedentes.

As axudas teñen como destinatarias as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro inscritas na área de Igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais e con domicilio social en Galicia.

O importe máximo dos apoios por entidade ascenderá a 70.000 euros para dar cobertura aos custos directos (como de persoal) e outros indirectos.

Entre as actuacións que financiará a Xunta, inclúense a atención inicial nos chamamentos realizados polas autoridades xudiciais, fiscais e policiais con vítimas da trata; asesoramento social e actuacións de apoio directo nas relacións con entidades, organismos e servizos para a realización de trámites administrativos; atención psicolóxica, para abordar posibles trastornos emocionais e/ou conductuais na procura da súa recuperación persoal; así como orientación e asesoramento xurídico e laboral.

O Goberno galego apoiará tamén os programas de atención en traballo de rúa, co obxectivo de chegar aos lugares onde se poden atopar persoas vítimas de trata de seres humanos para ofrecerlles información sobre os recursos dos que poden dispoñer e de carácter hixiénico-sanitario, xurídico ou social.

As destinatarias finais das axudas serán persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral.

As entidades interesadas poden solicitar as achegas desde mañá e ata o próximo 16 de febreiro.

Galicia recoñece a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual como violencia de xénero. Medidas como esta referendan o compromiso firme da Xunta para garantir a protección das vítimas de trata e garantir que reciban asistencia especializada.

 

Data de actualización: 16/01/2024