Rivo apela ao traballo conxunto e constante cos sectores da economía de Galicia para avanzar na mellora da prevención de riscos laborais

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, presentou hoxe no balneario de Laias a campaña autonómica 'Cóidate' que pon o foco nos establecementos de augas minerais e termais para minimizar os riscos laborais

Elaborouse un documento técnico, coa colaboración do sector, que é moi gráfico, visual e atractivo para facilitar a súa compresión, e está enfocado tanto ao persoal traballador como á propia empresa
 

Cenlle (Ourense), 15 de xaneiro de 2024

A campaña autonómica Cóidate de prevención de riscos laborais en augas minerais e termais arrancou hoxe no balneario de Laias coa entrega dunha nova publicación, renovada e actualizada, na que se achega información sobre os riscos laborais aos que están expostos os traballadores e as medidas preventivas a adoptar para tentar de minimizalos.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, presentou hoxe o documento técnico, que contou para o seu deseño coa colaboración do sector. Trátase dun folleto moi gráfico, visual e atractivo para facilitar a súa compresión, e enfocado tanto ao persoal traballador como á propia empresa.

Entre os aspectos que recolle destaca información sobre as condicións ambientais, os trastornos musculoesqueléticos, o uso de equipos de protección individual, e un eido importante: a perspectiva de xénero e primeiros auxilios.

Rivo destacou a importancia da colaboración dos diferentes sectores para elaborar este tipo de documentación técnica, apelando ao traballo conxunto e constante para avanzar na mellora da prevención de riscos laborais. Salientou, ademais, que é clave actualizar as campañas de prevención para adaptalas ás novas formas de traballo. “Debe ser un labor constante porque as formas de traballar están a cambiar de xeito continuo”, indicou.

A conselleira indicou que ao longo deste ano seguirase convocado ao sector das augas minerais e termais para realizar diversas xornadas formativas e continuar a traballar de forma conxunta na realización de actuacións que melloren as condicións de traballo.

Sinalou que a prevención de riscos laborais e da promoción da saúde neste sector é fundamental porque unha boa xestión neste eido nos establecementos repercute e redunda non só no benestar dos traballadores, senón tamén das persoas usuarias.

Referido á promoción da saúde, apuntou en que é un aspecto no que incide de xeito especial a Estratexia de seguridade e saúde no traballo de Galicia: horizonte 2027, que se está a desenvolver na actualidade.

Para rematar, Rivo avogou por seguir a traballar de forma conxunta para acadar un emprego de calidade que pasa, tal e como recalcou, pola protección da saúde das traballadoras e traballadores. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/01/2024