O conselleiro de Sanidade agradece no Hospital Álvaro Cunqueiro o labor do persoal que traballa nos puntos de vacinación fronte á gripe e covid

Comesaña lembra que a Xunta ten ampliado a campaña de vacinación ata o 26 de xaneiro

Vigo, 13 de xaneiro de 2024

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acudiu esta mañá ao Hospital Álvaro Cunqueiro para agradecer o labor do persoal que traballan nos puntos de vacinación fronte á gripe e covid na prolongación da campaña que a Xunta manterá ata o 26 de xaneiro.

“Agradezo a alta adherencia da cidadanía galega á campaña de vacinación este ano xa que Galicia segue a ser a comunidade autónoma que máis se vacina e é de destacar tamén o traballo dos profesionais, especialmente de enfermería”, valorou o conselleiro. Así, actualmente vacinouse fronte á gripe o 82% da poboación galega maior de 80 anos.

Coa ampliación da campaña, a Xunta aspira a aumentar o nivel de cobertura vacinal na poboación diana: maiores de 65 anos, nenos e nenas de menos de 5 anos e mulleres embarazadas. No caso das mulleres en período de xestación, ao ser un estado temporal, son o único grupo que non recibe unha mensaxe SMS de forma proactiva por parte da Dirección Xeral de Saúde Pública coa súa cita para vacinarse. Polo tanto, as embarazadas deben pedir cita a través da APP Sergas Móbil ou, para maior facilidade, acudir sen cita ao seu hospital ou centro de saúde de referencia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/01/2024