A Xunta impulsa o seu programa anual de promoción turística en Fitur cunha aposta por consolidarse como destino de calidade, diferenciado e sustentable

Turismo de Galicia presenta un renovado expositor temático cun alto grao de orixinalidade en torno á calidade do destino galego e aos recursos ligados á auga en todas as súas vertentes

O espazo fusiona vangarda e tradición e conta con zonas para oferta turística, establecementos con selos de calidade, Camiño de Santiago, turismo termal, activo, náutico, as catro provincias e as sete cidades, entre outras

A Feira Internacional celebrarase do 24 ao 28 de xaneiro en Madrid e é das primeiras das ao redor de 30 feiras turísticas nas que Galicia estará presente este ano
 

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2024

A Comunidade galega impulsará a súa promoción anual como destino turístico o vindeiro 24 de xaneiro en Madrid na Feira Internacional de Turismo, Fitur, cunha aposta por consolidarse como un destino de calidade, sustentable, diferenciado e respectuoso. Para iso contarase cun renovado expositor temático deseñado cun alto grao de orixinalidade ao redor dos recursos ligados á auga en todas as súas vertentes.

O expositor, que acollerá a actividade promocional de Galicia ata o 28 de xaneiro, xira ao redor da auga como elemento que define a identidade da Comunidade e ten máis de 1.000 m2. Co fío conductor da auga, unha das principais características da paisaxe galega e elemento vital do territorio, terán cabida experiencias turísticas ligadas á calidade do destino, da gastronomía, do termalismo, mananciais, ríos, fervenzas, embalses, lagoas, fontes, a choiva evocadora…

O espazo concíbese como un conxunto que transmite a autenticidade de Galicia e fusiona vangarda e tradición no que destacará o uso dunha pantalla de leds de 25 metros de largo e emprega parámetros sustentables baseados na economía circular. Deste xeito, empréganse materiais reciclados e reciclables, tense en conta o proceso artensanal na manufactura do stand tendo en conta oficios e materiais tradicionais.

Estrutúrase en módulos dedicados á oferta turística xeral de Galicia, establecementos co selo Galicia Calidade, Q de Calidade e S de Sostibilidade. Tamén haberá un espazo para o Camiño de Santiago, o turismo termal, o turismo activo, náutico, as catro provincias galegas así como as sete grandes cidades, entre outras.

Promoción nacional e internacional

Ademais, como cada ano, para favorecer e impulsar as relación comerciais e contactos cos empresarios do sector turístico galego, que disporán dunha área específica de traballo e punto de encontro para as súas relacións comerciais.

Os tres primeiros días a feira -do mércores ao venres- enfócase a profesionais onde se prevé que, entre as presentacións da Xunta de Galicia e de distintas entidades, se realicen algo máis de 40. Na fin de semana abrirá ao público xeral, cando as actividades do expositor se completarán con actuacións e demostracións da cultura e artesanía galega.

Fitur é a primeira feira turística na que terá presenza Galicia este ano -no mes de xaneiro tamén estará en Holanda, Finlandia, Alemaña e Irlanda-, que se completará con ao redor doutras 30 feiras de promoción de destino máis de ámbito nacional e internacional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/01/2024