Román Rodríguez destaca “o gran orgullo” que supón recibir o premio de honra do Seminario de Estudos de Deza

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades eloxia o traballo feito por esta entidade para crear conciencia de comarca, dar a coñecer a cultura dezá e dar resposta ás inquedanzas investigadoras

As distincións tamén recaeron no Museo Etnográfico Casa do Patrón, en Xoán Carlos García, doutor en Antropoloxía Social, e en Antonio Presas, un dos fundadores e redactor do anuario
 

Lalín (Pontevedra), 12 de xaneiro de 2024

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, asistiu esta tarde ao acto de entrega dos premios do Seminario de Estudos de Deza 2023, celebrado no Pazo de Liñares de Lalín, onde recibiu o galardón de honra en recoñecemento a súa traxectoria para impulsar esta entidade desde a súa fundación.

No acto, o representante da Xunta de Galicia agradeceu a distinción e destacou “o gran orgullo que supón recibir o premio de honra dunha entidade como o Seminario de Estudos de Deza que, desde os seus inicios, contribuíu a crear conciencia de comarca, dar a coñecer a cultura dezá e dar resposta ás inquedanzas investigadoras con liberdade e respecto”. Neste senso, gabou tamén o traballo feito por todos os premiados, así como a súa contribución á promoción da cultura e a protección, conservación, investigación e difusión do patrimonio.

“Temos a sorte de vivir nunha terra rica en valores patrimoniais, pero é importante que os galegos sexamos capaces de entender e divulgar esta riqueza e para isto é importante que haxa proxectos como este que conta cunha gran solidez”, engadiu Román Rodríguez, que resaltou a súa contribución “na ampliación de coñecementos sobre aspectos relevantes vencellados a esta comarca e transmitirllo ás novas xeracións”.

Ademais do conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, no acto de hoxe tamén se recoñeceu o Museo Etnográfico Casa do Patrón na categoría de posta en valor e divulgación do patrimonio cultural de Deza; a Xosé Carlos García, doutor en Antropoloxía Social, pola investigación do patrimonio cultural de Deza, e a Antonio Presas coa distinción Descubrindo polo seu papel como fundador e redactor do anuario.

Data de actualización: 12/01/2024