Rivo participa nun encontro en Ourense con mulleres beneficiarias do programa autonómico ‘Lideramos’ de impulso do talento directivo feminino

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade tomou parte na xornada ‘Ferramentas prácticas para o liderado feminino, a mellora profesional e a xestión de equipos’ enmarcada nesta iniciativa que se celebrou na CEO

En Galicia son 150 as persoas con responsabilidades na dirección de equipos que toman parte no programa, unha trintena en Ourense

Ourense, 13 de xaneiro de 2024

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou hoxe na xornada Ferramentas prácticas para o liderado feminino, a mellora profesional e a xestión de equipos organizada na Confederación Empresarial de Ourense (CEO) no marco do programa da Xunta Lideramos, que promove o talento e a mellora da xestión de equipos, no que toman parte 150 mulleres das catro provincias, unha trintena da provincia de Ourense.

A representante autonómica puxo en valor a experiencia das participantes nesta iniciativa que promove eliminar fendas de xénero e fortalecer a creación de novos perfís profesionais, motivar e crear cadros de persoal diversos.

Rivo defendeu que Galicia está a referendar o seu compromiso coa igualdade de xénero, apostando polo liderado feminino e pola competencia da xestión executiva. Programas como Lideramos, dixo, favorecen a interrelación entre as participantes, mellorando as capacidades de liderado e comunicación, destacando as fortalezas e talentos individuais.

Do mesmo xeito, promóvese o autocoñecemento e o desenvolvemento persoal mediante sesións de coaching individualizadas. Coñecer as principais forzas motivadoras dos equipos é fundamental para alentalos a seguir progresando, indicou a titular de Promoción do Emprego.

O acto de hoxe enmárcase no programa de actividades do programa Lideramos que arrancou na última semana de decembro en Pontevedra e seguirá o seu curso con accións programadas ata o 11 de abril nas catro provincias.

A Xunta de Galicia, lembrou a conselleira, seguirá a apoiar en 2024 as novas iniciativas empresariais, xeradoras e consolidadoras de emprego.  “Queremos unha Galicia próspera e igualitaria, onde podamos axudar a calquera persoa que persiga o soño de ter o seu propio negocio”, indicou.

Entre outras actuacións, a Administración autonómica seguirá a avogar polo apoio ao emprendemento feminino a través do programa Emega que cumpre este 2024 o seu 28 aniversario, para promover proxectos liderados por mulleres que xeran e axudan a manter empregos de mulleres tamén.

Os orzamentos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para este ano prevén ademais un investimento de máis de 2,2 millóns de euros para fomentar a presenza feminina en profesións fortemente masculinizadas. En paralelo, seguirase a apostar pola conciliación e a corresponsabilidade na vida familiar, persoal e laboral, con medidas para o impulso da corresponsabilidade e o fomento da Responsabilidade Social Empresarial (RSE) nas empresas.

“Como sociedade aspiramos a unha Galicia equilibrada en liderado e talentos, que explote ao máximo todos os recursos humanos en todos os ámbitos”, rematou Rivo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/01/2024