Rivo pon de relevo o labor dos galardoados cos premios Luís Tilve 2023 a prol das condicións laborais das persoas traballadoras en Galicia

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade participou no acto de entrega do recoñecemento a Jesús Díaz e José Carrillo, onde destacou o “valor social, político e histórico” da súa andaina dentro do mundo sindical da nosa Comunidade

No día no que se acordou subir o Salario Mínimo Interprofesional sen o acordo da patronal, Rivo insistiu en que cuestións de calado coma esta deben contar co consenso do diálogo social
 

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2024

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou hoxe no acto de entrega dos Premios Luís Tilve 2023, poñendo en valor a figura dos galardoados -Jesús Díaz e José Carrillo- polo “valor social, político e histórico” da súa andaina dentro do mundo sindical e da súa loita por mellorar as condicións laborais das persoas traballadoras en Galicia.

Na súa intervención, a conselleira sinalou que as actuais relacións laborais son resultado do importante labor levado a cabo polas xeracións dos premiados da man do diálogo social, sentando as bases deste piar da democracia. Nesa liña, apostou polo desenvolvemento dun mercado laboral competitivo que cree riqueza favorecendo un traballo digno.

Así, reivindicando o papel do empresariado e das persoas traballadoras de cara ao mellor dos entendementos para o progreso de Galicia, tamén puxo o foco nas Administracións que -segundo dixo- deben rexer as súas políticas e decisións neste ámbito con base no diálogo social e nas relacións laborais.

Nese senso, Elena Rivo incidiu na aposta da Xunta por un mercado laboral inclusivo e igualitario como condición indispensable para o desenvolvemento dunha economía innovadora, competitiva, sostible e próspera, co convencemento de que “o traballo abre as portas do benestar e é a mellor política social”.

Suba do SMI

No día no que o Goberno central acordou cos sindicatos -e sen o consenso da patronal- subir o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) un 5%, a conselleira fixo fincapé en que "nin a suba do SMI, nin a reforma das pensións, nin os subsidios de desemprego poden saír nunca do ámbito que lles corresponde: o diálogo social e as relacións laborais".

Así concluíu que ningún obxectivo electoral ou partidista vale máis que a creación do emprego e o diálogo social.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/01/2024