A Xunta licita o proxecto para a rehabilitación e impulso turístico do faro da illa de Sálvora por 1,5 M€

O proxecto é un dos 12 Bens de Interese Cultural nos que se actúa no parco do Plan Xacobeo Next Generation posto en marcha polo Goberno autonómico

As empresas poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 2 de febreiro e o proxecto suporá a conversión do faro nun centro de interpretación
 

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2024

Turismo de Galicia vén de licitar por 1,5M€ a obra de rehabilitación do faro de Sálvora para converterse nun centro de interpretación no marco do Programa Xacobeo Next Generation posto en marcha pola Xunta de Galicia con fondos europeos para a rehabilitación e mellora de 12 Bens de Interese Cultural de titularidade pública.

Como se indica na licitación, o proxecto incluirá a rehabilitación do faro para darlle un novo uso de divulgación turística e tamén científica para o estudo do medio en forma de centro de interpretación dándolle un uso complementario.

Nas actuacións previstas proponse conservar todas aquelas estancias primitivas do faro e eliminar e transformar outras de construcción ou reforma posterior máis contemporáneas. Na envolvente, substituirase a carpintería de madeira e de aluminio de vidros simples por unha de aluminio anodizado cor burdeos, limpeza da cantería, retirada da impermeabilización actual para impermeabilizar novamente e realizar illamento. Tamén se prevé a restauración e recuperación dos elementos de forxa.

Prazo de execución de 8 meses

No interior o proxecto inclúe algunhas demolicións para executar a nova distribución, instalacións de acabados, substitución de barandas exteriores e distintas adecuacións e restauración de portas, entre outras. No patio está prevista a recuperación de pavimentos antigos e, ademais, as actuacións tamén prevén pavimentar minimamente o acceso desde o peche ata o edificio, eliminar a beirarrúa perimetral e crear unha pavimentación máis ancha, entre outras accións.

O proxecto licítase por 1,5M€ e as obras terán un prazo de execución de 8 meses. As empresas interesadas en participar teñen 20 días naturais desde a publicación da licitación, polo que poderán facelo ata o 2 de febreiro ás 14.00 horas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/01/2024