Román Rodríguez asiste á preestrea dos primeiros episodios, que poderán verse a partir do 17 de xaneiro na nova plataforma dixital da Corporación

A serie infantil ‘Os Argonautas e a moeda de ouro’, rodada en Galicia por Portocabo co apoio da Xunta, estrea a súa versión galega en CRTVG

O conselleiro subliña a oportunidade de poder gozar na nosa lingua desta ficción dirixida a público xuvenil e destaca os valores de tolerancia e preservación do patrimonio que promove

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2024

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, asistiu este mediodía en Santiago de Compostela á preestrea da versión en galego da serie infantil Os Argonautas e a moeda de ouro, coprodución da compañía coruñesa Portocabo e RTVE que poderá verse a partir do 17 de xaneiro na nova plataforma dixital de CRTVG. Laxe e A Coruña foron os escenarios da filmación dos seus 20 episodios, subvencionada pola Xunta de Galicia con 350.000 euros a través do fondo para a atracción de rodaxes do Hub Audiovisual galego.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañou o conselleiro na première da serie no Auditorio Abanca, á que asistiu tamén o seu produtor executivo, Alfonso Blanco; a súa directora, Lucía Estévez, e o director de contidos de CRTVG, Fernando Ojea. Estiveron acompañados por unha ampla representación do elenco, do que forman parte Eva Fernández, Federico Pérez Rey e os intérpretes noveis Aliyah Fidalgo, Sarela Montes, Brais Sixto, Claudia Pujaldes, Juan Rodríguez, Lúa Varela ou Xoel Río.

O titular de Cultura do Goberno galego subliñou na súa intervención a oportunidade de poder gozar da serie na nosa lingua na nova plataforma de TVG e poder apreciar o talento de todo o reparto e do equipo técnico de Portocabo, circunstancia á que se referiu como “un novo fito a cargo dunha produtora que continúa facendo historia do audiovisual en Galicia”.

Diante do grupo de case que 200 nenas e nenos convidados ao evento, aos que animou a sumarse ás aventuras vividas polos xoves protagonistas, destacou que Os Argonautas e a moeda de ouro tratase temas “indispensables hoxe en día, como o traballo en equipo e a tolerancia, ademais de poñer o foco nun aspecto fundamental para a cultura como é a preservación do patrimonio”.

Román Rodríguez destinou, así mesmo, unhas palabras a agradecer e felicitar o traballo concreto de Portocabo, Premio da Cultura Galega 2023, e de todo o sector audiovisual galego en xeral “polo momento de esplendor que atravesa hoxe”. Neste sentido, exemplificou que os triunfos acadados nos últimos anos repercuten tamén no bo momento económico e de emprego, con datos crecentes en facturación e en número de traballadores.

Valores de inclusión e diversidade

Neste pase especial proxectáronse os tres primeiros episodios de Os Argonautas, que puideron ser seguidos tamén con subtítulos accesibles para persoas xordas, en sintonía cos valores de inclusión e diversidade que promove a serie.

Ademais da súa chegada á CRTVG, Clan retoma a emisión da serie a partir de mañá coa programación dos seus 10 últimos capítulos os sábados e domingos ás 20,00 horas. A primeira quenda da serie puido verse xa nesta mesma canle de RTVE desde xuño de 2023 e tamén está dispoñible na súa plataforma en liña.

Dirixida por Lucía Estévez e Toño López, Os Argonautas e a moeda de ouro presenta unha historia integradora que segue as aventuras estivais dun grupo de amigos con realidades moi diversas. A cooperación entre todos será a clave do seu éxito á hora de enfrontar os moitos perigos, misterios e dificultades que se lles presentarán durante o verán e grazas aos que estreitarán a súa amizade e medrarán como persoas.

A coprodución entre Portocabo e RTVE conta co apoio da Televisión de Galicia e do Hub Audiovisual da Xunta, financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), así como coa colaboración dos concellos de Laxe e A Coruña.

Data de actualización: 12/01/2024