A Xunta promove ata xuño 43 funcións escénicas e musicais en cinco concellos de Ferrolterra a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios

A carteleira semestral deste circuíto ofrece 17 funcións en Ferrol, 12 en Narón, sete en Cedeira, catro en Ortigueira e tres nas Pontes de García Rodríguez

'Protocolo del Quebranto', da compañía canaria Unahoramenos, e 'Entrega en man', de Contraproducións, chegan ao Pazo da Cultura de Narón con funcións esta fin de semana
 

Ferrol, 12 de xaneiro de 2024

A Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de exhibición de espectáculos cofinanciado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e 41 entidades locais adheridas, ofrecerá ata finais de xuño 43 novas actuacións escénicas e musicais en cinco concellos da área de Ferrolterra. A Xunta colabora así na programación cultural de Ferrol, Narón, Cedeira, Ortigueira e As Pontes de García Rodríguez este semestre, cunha ampla escolma de propostas de teatro, danza, música ou novo circo.

O Pazo da Cultura de Narón abre mañá a carteleira desta programación coordinada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. Farao con Protocolo del quebranto, da compañía canaria Unahoramenos Producciones, que terá función este sábado 13 ás 20,00 h. Tamén a peza Entrega en man, de Contraproducións, poderá verse no mesmo espazo o domingo 20. A contorna de Ferrol completará a programación escénica de xaneiro co espectáculo musical perfilado a público familiar A trompa non só é cousa de elefantes, de Catrocores, o día 27 no Auditorio Municipal de Cedeira.

A programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios no Jofre de Ferrol comeza o semestre con música da man do cantautor madrileño Vicente Navarro, que presenta a súa segunda proposta, Las Manos, no auditorio da cidade o vindeiro 2 de febreiro. Tres semanas despois, visitará o histórico escenario ferrolán Marta Alonso Tejada, que presentará a súa peza Sofá, unha sitcom de danza con teatro, circo e música en directo programada para o día 24 de febreiro.  Marzo comezará con máis artes do movemento da man da compañía lucense Cali Danza e o seu espectáculo Donas, que reflexiona sobre a existencia e o corpo dende unha perspectiva feminina, cunha función o 8 de marzo no Jofre. Abismo Caracol inaugura a proposta para público familiar no auditorio ferrolán cunha función do seu Pulgarcita que se poderá gozar o 10 de febreiro. Séguelle o día 15 a peza Insubmisa de Antagonista Teatro, montaxe inspirada na personaxe mitolóxica de Medea na que a compañía fala da reconstrución do relato das mulleres nunha sociedade patriarcal.

Máis no Teatro no Jofre

As funcións continúan en abril cun novo espectáculos de danza no Jofre o día 5 grazas á compañía D’elas e a súa peza É difícil fotografar o baleiro, e o teatro tamén ten cabida na programación, cunha función de Un momento precioso, a nova proposta de Elefante Elegante para todos os públicos, o día 12. Neste mes haberá tamén espazo para o público máis novo coa peza Mamut da compañía emerxente Markeliñe, o día 14. Xa entrado o mes de maio, o Teatro Jofre ofrece Gaia Baba, a meiga, espectáculo de títeres e máscaras da compañía Nauta, o día 12, e o 18 a Sesión continua, de Bucanero, unha homenaxe ao celuloide que fora dirixida no seu día por Lino Braxe.

A programación semestral do circuíto autonómico en Ferrol péchase en xuño con danza, teatro e novo circo. Abre o mes o concerto de Martins Aneiros Band, o día 1, e haberá música de novo o día 6 coa presentación de 300 meses, o último proxecto discográfico de Marcos Mella. En canto á programación de teatro, As que limpan, de A Panadaría e Ándale! Bon appétit!, de Ghazafelhos, están programadas para os días 8 e 9, respectivamente. A función de danza Fronterizas da compañía brasileiro-cántabra Mari Paula, chegará o 14 de xuño cunha peza inspirada nas propias vivencias da intérprete e coreógrafa que convida ao público a reflexionar sobre os corpos como ferramenta para experimentación. Latas, das circenses Cía. D’Click, mestura diversas linguaxes como as acrobacias ou o mastro chinés para construír unha peza chea de humor que poderá verse en Ferrol o 22 de xuño. Remata a proposta da tempada da Rede Galega de Teatros e Auditorios no Jofre con Último verán en Santa Cristina, de Teatro do Noroeste, un repaso polas lembranzas dun neno na España franquista que chegará ao público ferrolán o 28 de xuño.

En toda a comarca

Ademais, a Rede Galega de Teatros e Auditorios programa outras 22 funcións na comarca de Ferrolterra este semestre. O Auditorio de Narón, ademais da xa mencionada función de Protocolo del Quebranto o día 13 de xaneiro, ten previstas 11 pases máis ata o mes de xuño, con espectáculos e concertos de compañías e agrupacións como Sarabela Teatro, Pistacatro, ButacaZero ou Luar na Lubre, entre outras.

Pola súa banda o Auditorio Municipal de Cedeira comeza a programación do circuíto público da Xunta o día 27 e achegará ao público 6 propostas escénicas e musicais máis este semestre.

En Ortigueira e As Pontes de García Rodríguez, a Rede contribúe á programación escénica e musical coa exhibición de 7 espectáculos e concertos antes da chegada do verán.

 

Máis de 350 representacións en 41 concellos

A Rede Galega de Teatros e Auditorios programa este semestre 351 funcións escénicas e musicais en 41 concellos de toda Galicia. A Xunta e as entidades locais asociadas cofinancian este circuíto, que para todo o ano 2024 conta cun orzamento de arredor de dous millóns de euros, destinado integramente á contratación de formacións artísticas profesionais de teatro, música, danza, circo e maxia, galegas na súa meirande parte.

En concreto, durante estes seis primeiros meses do ano serán máis de 130 as compañías escénicas e grupos musicais que actuarán na rede autonómica, xestionada a través da Axencia Galega das Industrias Culturais.  Os espectáculos teatrais conforman unha gran parte desta programación, con máis de 270 funcións en cartel e unha ampla oferta para o público familiar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/01/2024