O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades participa na presentación do estudo xunto ao director da Fundación Catedral e o catedrático da USC Jorge Mira

Román Rodríguez destaca a unión de tradición e innovación na creación dun sistema para coñecer o impacto dos fluxos de aire na Catedral de Santiago

O proxecto impulsado pola Xunta xunto co Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia inclúe a creación dun modelo xeométrico en tres dimensións

Unha simulación numérica funciona como ferramenta de predición para anticiparse a situacións adversas no patrimonio

“Este é un éxito da Galicia contemporánea que aplica a tecnoloxía máis avanzada para poñela ao servizo dunha das nosas xoias máis senlleiras”, afirma o conselleiro
 

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2024

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe na presentación do proxecto Desenvolvemento de modelos computacionais para o estudo e predición da circulación de aire no interior da Catedral de Santiago impulsado pola Xunta de Galicia xunto co Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia e baixo a coordinación do catedrático  da Universidade de Santiago de Compostela Jorge Mira, quen explicou os detalles nun acto no que tamén participou o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo.

O responsable autonómico de Cultura destacou a unión de tradición e innovación na creación deste sistema que permite coñecer o impacto dos fluxos de aire no interior do santuario para prever con tempo medidas para mellorar o seu mantemento e conservación. “Este é un éxito da Galicia contemporánea que aplica a tecnoloxía máis avanzada para poñela ao servizo dos galegos e dunha das nosas xoias máis senlleiras”, afirmou. “Este estudo vai permitir coñecer con todo luxo de detalles cal sería o impacto do aire ou dunha situación climatolóxica concreta para actuar antes de que se produzan danos”, explicou Román Rodríguez.

Neste senso, o conselleiro de Cultura explicou que a iniciativa se encadra no compromiso coa preservación deste templo e reforza os lazos que permitiron vivir o dobre Xacobeo coa Catedral restaurada. “Na última década levouse a cabo un dos proxectos máis complexos que se fixo nunca nun ben declarado Patrimonio da Humanidade e foi grazas a un extraordinario esforzo de xestión e coordinación entre a Xunta, a propia Catedral e outras administracións”, salientou antes de engadir que a obriga agora é “procurar que este traballo continúe vixente para que o santuario se manteña nas mellores condicións o maior tempo posible”.

O representante da Administración autonómica aproveitou a ocasión para agradecer “a xenerosidade e o traballo” dos implicados neste proxecto e celebrar a oportunidade que supón esta ferramenta para seguir conservando o símbolo máis universal de Galicia e os nosos referentes históricos e artísticos “porque significa conservar a nosa identidade e riqueza emocional, espiritual e económica”.

Fases de desenvolvemento

O proxecto está dividido en dúas fases de desenvolvemento. Na primeira, os traballos centráronse na reconstrución do interior da Catedral de Santiago de Compostela co obxectivo de obter un modelo xeométrico en tres dimensións. Na segunda, pola súa banda, definiuse un modelo numérico para tomar medidas, examinar a superficie e seleccionar o algoritmo para crear unha simulación avanzada da circulación do aire no interior do edificio histórico para ter a posibilidade de empregalo como unha ferramenta de predición que permita unha toma de decisións áxil e anticiparse a situacións meteorolóxicas adversas que provoquen condicións ambientais agresivas cos elementos patrimoniais do interior.

Cómpre destacar que este é un modelo vivo que pode actualizarse en calquera momento, ben engadido novas estruturas ou ben modificando a vontade as condicións do entorno co fin de que o persoal técnico poida avaliar determinadas estratexias que poidan supoñer un risco para o mantemento e conservación deste ben.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/01/2024