A Xunta ultima un plan de choque na loita contra a avespa velutina co obxectivo de adiantar a retirada de niños

Responsables das vicepresidencias Primeira e Segunda así como da Consellería do Medio Rural mantiveron unha xuntanza para concretar novas liñas de traballo

As medidas remitiránselle ao sector nas vindeiras semanas para recoller as súas achegas na busca do máximo consenso e unión de esforzos para aplicalas

Realizarase tamén un trampeo selectivo, avalado por técnicos e especialistas coordinados por científicos e investigadores, e incidirase na formación, na divulgación e na investigación
 

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2024

A Xunta traballa nun plan de choque no marco da loita contra a avespa velutina que permitirá adiantar a retirada de niños ademais de incidir na divulgación, formación e investigación. As liñas básicas da iniciativa ultimáronse nunha xuntanza entre responsables da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e da Consellería do Medio Rural. O plan remitiráselles nas vindeiras semanas aos sectores implicados na loita contra esta especie para que poida realizar as súas achegas e buscar así o máximo consenso e unión de esforzos nas medidas aplicadas.

Entre as medidas previstas figura o adianto da retirada dos niños, cunha campaña especial de actuación sobre os niños primarios, que son os primeiros en aparecer, e evitar así a súa expansión. Realizarase tamén un trampeo organizado, selectivo e xeolocalizado, avalado por técnicos e especialistas coordinados por científicos e investigadores, dándolle así resposta a unha das principais demandas dos colectivos afectados pola avespa velutina.

O plan deseñado prevé ademais accións de formación, información e divulgación entre os efectivos que traballan na loita contra a especie, os profesionais afectados e o conxunto da poboación. A maiores, impulsarase a investigación científica para determinar o método de loita biolóxica máis axeitado para evitar a propagación.

No encontro para a elaboración do plan participaron vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, o conselleiro do Medio Rural, José González, e os directores xerais de Administración Local, Natalia Prieto, de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, de Patrimonio Natural, Belén do Campo, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e a directora de Seaga, Luisa Piñeiro.

A iniciativa permitirá axilizar as actuacións na loita contra a avespa velutina ao tempo que se reforza a coordinación nos traballos e a sensibilización social ante a problemática que produce a especie no territorio.

Cómpre lembrar que a Xunta conta xa desde 2020 cun plan centralizado de loita contra a vespa velutina e de forma coordinada cos concellos -están adheridos practicamente a totalidade con 311 municipios- ofrecendo unha solución homoxénea na retirada e neutralización dos niños a través da empresa pública Seaga co obxectivo de reducir a presenza de esta especie invasora. Ademais, púxose á disposición da cidadanía a liña específica do Teléfono de Atención e Información 012 para comunicar a presenza de niños.

O plan de loita contra a avespa velutina avanza ademais cada ano coa implantación das novas tecnoloxías para habilitar novas formas de contacto coa cidadanía complementarias ás chamadas. Por exemplo, a aplicación Controlvelutina, que os efectivos de Seaga empregan para xestionar os avisos introducindo en tempo real os datos de xeolocalización e fotografías do niño, as observacións de cada caso e o resultado final.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/01/2024