O director xeral de Cultura mantén unha reunión de traballo coa nova directora do festival ‘Escenas do cambio’ de cara á organización da súa X edición en maio

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a directora xerente da Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez, e a directora de Escenas do cambio, Kirenia Martínez, mantiveron hoxe unha reunión para pór sobre a mesa o traballo avanzado de cara á organización da décima edición do Festival de teatro, danza e arte en acción da Cidade da Cultura, en maio de 2024.

Precisamente esta será a primeira edición coordinada pola coreógrafa e mediadora cultural Kirenia Martínez (Cuba, 1980), nomeada nova directora artística de Escenas do cambio o pasado verán. Con máis de 20 anos de experiencia —19 deles residindo en Galicia— e unha longa traxectoria artística, a tamén bailarina e fundadora de Kirenia Danza tomou o relevo de Lola Correa á fronte dun festival que ao longo dunha década se consolidou no eido das artes escénicas traendo cada ao ano Gaiás propostas artísticas de vangarda e amosando unha aposta decidida pola creación escénica contemporánea e o talento xurdido en Galicia, sen perder de vista tampouco a súa dimensión internacional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/01/2024