A Xunta destaca a aposta do Colexio CEIP Illas Cíes de Vigo pola súa ‘Biblioteca dos Mil Mundos’

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa visita este espazo, no que os alumnos traballan tanto coa lectura como coa radio, impresoras 3D ou recursos audiovisuais

O centro participa en numerosos programas de dinamismo como o Plan de Mellora, Biblioteca Creativa, Clubs de Lectura ou Radio na Biblio
 

Vigo, 11 de xaneiro de 2024

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou hoxe o Colexio CEIP Illas Cíes (Vigo), ao que felicitou pola súa aposta pola que denominan a Biblioteca dos Mil Mundos. A representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades tivo a oportunidade de coñecer a fondo este espazo, no que o colexio vén de acometer varios cambios para a mellora dos fondos e a ampliación das súas posibilidades.

Ademais de proceder á expurgación da colección, realizáronse adquisicións de novos fondos e recursos, tanto para o alumnado como para o profesorado e familias e ampliaron o espazo da biblioteca incorporando unha aula anexa.

Ademais, acometeuse unha nova distribución, cun espazo para a lectura por lecer, outro para a consulta e lectura de libros, outro para a consulta na internet e un lugar para xestión e presentacións. Así mesmo, a biblioteca conta cun laboratorio de radio, un recuncho audiovisual (con equipo de croma) e un espazo creativo, dotado de impresora 3D, xogos de construción e máquina de coser, entre outros recursos. Para poñer en valor este traballo e dar visibilidade á biblioteca, o colexio realizou un mural na entrada da mesma e renovou a sinalética interior.

A directora xeral destacou a implicación de todo o centro coa biblioteca, que participa desde hai anos no Plan de Mellora da Xunta, así como en numerosos programas de dinamismo deste espazos como Biblioteca Creativa, Clubs de Lectura, Radio na Biblio, Lectura e familias ou en programas de voluntariado cultural nas bibliotecas

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/01/2024