A delegada da Xunta en Ferrol pon en valor as escolas infantís como recursos de conciliación para a etapa de 0 a 3 anos

Ferrol, 11 de xaneiro de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada da directora da escola infantil Virxe de Chamorro, Eva López, visitou esta mañá este centro público autonómico que oferta este curso 53 prazas gratuítas para a etapa de 0 a 3 anos.

Durante a visita Aneiros puxo en valor este tipo de servizos como garante da conciliación da vida laboral e familiar das familias con nenos e nenas nesta etapa educativa; unha etapa que lembrou será unha prioridade, unha vez máis, xa que, por segundo ano consecutivo, todas as escolas infantís galegas, sexan un centro da Xunta, municipal, de iniciativa social ou privada, volverán a ser gratuítas, independentemente da situación económica de cada familia.

A escola infantil Virxe de Chamorro, que conta actualmente con 10 profesionais, entre persoal docente e non docente, posúe cociña propia e acaba de incorporarse ao proxecto EcoComedores, unha iniciativa que pretende fomentar o consumo de produtos locais, de tempada e en ecolóxicos nos centros educativos incluídos na rede que leva o mesmo nome. Tal e como lembrou a delegada territorial, desta forma promociónanse os produtos locais, facilitando a comercialización en circuítos curtos e contribuíndo á mitigación do cambio climático.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/01/2024